O pontevedrés Manu Fernández, novo presidente do Comité Galego de Adestradores

Pontevedra
30 de setembro 2015

O ex-adestrador do Pontevedra Club de Fútbol asume tamén a función de director deportivo das seleccións federativas  

Presentación de Manu Fernández como presidente do Comité Galego de Adestradores Federación Galega de Fútbol

O ex-adestrador do Pontevedra Club de Fútbol Manu Fernández foi elixido como novo presidente do Comité Galego de Adestradores, segundo anunciou a Federación Galega de Fútbol.

Fernández será ademais, a partir de agora, director deportivo de todas as seleccións federativas.

Xunto ao técnico pontevedrés compoñen a nova xunta directiva deste organismo Manuel Mosquera (A Coruña) como vicepresidente e como vogais David Páez (Lugo), Pablo Prieto (Ferrol, fútbol sala), Ramiro Amarelle (A Coruña, fútbol sala), Marcos Piñeiro 'Pacheco' (Santiago), David Carnero (Ourense), Jorge Otero (Vigo), Sara Vázquez (Pontevedra) e Chus Baleato (Santiago).

O acto de presentación da directiva contou coa presenza do presidente do Comité Nacional de Adestradores, Eduardo Caturla, e da Federación Galega, Rafael Louzán, que se mostrou convencido de que haberá "un antes e un despois en relación ao nivel de formación de adestradores, non que xa se está traballando moito".

Pola súa banda Manu Fernández explicou que traballarán "en prol dos adestradores xa que penso que antes había un pequeno baleiro neste senso, no ámbito da colexiación. Os técnicos que salgan da nosa escola notarán que estamos aí de diferentes formas a través de congresos, charlas ou actualizacións", sinalou o pontevedrés.

Ademais de presentar á nova directiva, a federación anunciou tamén que Arsenio Iglesias será presidente de honra do comité de adestradores.