Cun "frío que cortaba" e tanto a vitoria en Copa do Rey como a derrota en Coruxo xa asimiladas, o Pontevedra dá por rematadas as súas vacacións de Nadal e volve a enfundarse o mono de traballo. Todos os xogadores do primeiro equipo, salvo os lesionados Romay e Adrián Cruz, puxéronse este luns de novo ás ordes de Jesús Ramos para preparar a volta á competición, que será o 7 de xaneiro contra o Cádiz en Pasarón.
"Todos en perfecto estado e con moitas ganas", destacou o adestrador granate sobre o regreso das vacacións dos seus futbolistas. O próximo partido está aínda moi lonxe, polo que o plan de traballo centrarase en "traballo xenérico e no modelo de xogo", sinalou Ramos descartando aumentar a carga física a modo de pequena pretemporada.
O mercado de fichaxes aínda está pechado, pero tanto no vestiario como nas oficinas de Pasarón esperan pechar a chegada dun xogador. As lesións de Romay, que non volverá xogar esta tempada, como a de Cruz, no dique seco ata febreiro; deixan a parcela do centro do campo orfa. "Tiñamos catro xogadores para esas dúas posicións e si que agora quedamos un pouco coxos. Pero son cousas que pasan e hai que saber convivir con elas", asume o técnico.
Sen ningunha clase de présas nin presións cara á dirección deportiva, o preparador marinense non se marca datas para a chegada dun substituto, pero admite que "canto antes mellor". Aínda así, é consciente de que moitas veces o xogador elixido ten asuntos que resolver co seu club de procedencia que poden atrasar a súa chegada.
O que si ten máis claro Ramos é o perfil de futbolista que quere: un centrocampista "versátil". "Que poida adaptarse ao pivote se xogamos con dobre pivote ou que poida xogar tamén como interior", expón.
Un recambio para Romay é todo o que espera o adestrador do Pontevedra deste mercado invernal, aínda que "nisto nunca se sabe", sinalou en referencia a posibles saídas ou reforzos noutras posicións. "Eu estou moi contento co que temos e en principio non espero máis", subliñou.
No aspecto puramente deportivo, Ramos tamén se mostrou satisfeito co rendemento do equipo e quixo relativizar a derrota sufrida no último partido de liga, así como destacar a vitoria fronte ao Cartaxena como "un dos mellores partidos" do seu Pontevedra. "A Segunda B é unha categoría moi especial, con campos pequenos, pesados...", argumentou tratando de explicar como os seus puideron caer con estrépito en O Vao e en poucas horas demostrar tanta superioridade diante un rival doutra categoría.
"Dos erros tamén se aprende", concluíu Ramos para pasar páxina da última derrota confiado en que ese mal resultado sirva para corrixir defectos e tomar impulso.