O Pontevedra vestirá a marca Hummel por cuarta tempada consecutiva

Pontevedra
09 de xullo 2022

O club granate garda con receo os detalles da que será o novo equipamento para a próxima tempada, na que se estreará na Primeira RFEF. O que si é seguro é que non cambiará de marca de roupa prolongando a súa vinculación con Hummel

Churre, no partido de liga entre Pontevedra e Salamanca CF UDS en Pasarón Cristina Saiz

Como serán os equipamentos do Pontevedra Club de Fútbol para a súa estrea en Primeira RFEF é unha dos aspectos que agarda con curiosidade a afección granate.

A entidade de Pasarón garda con receo os detalles das mesmas, coas que cada ano esperan en certa medida sorprender.

O que si se pode asegurar xa é que o Pontevedra prolongará a súa vinculación coa marca deportiva danesa Hummel tanto para o primeiro equipo como para as súas categorías inferiores.

Será por tanto a cuarta tempada consecutiva que vestirá coa mesma marca de roupa, que aterrou na casa granate na campaña 2019/2020 tras varios anos vestindo 'Joma'.

Ademais da elástica tradicional granate, nos próximos días está previsto dar a coñecer a roupa de adestramento que utilizarán os futbolistas, así como o segundo equipamento, o relativo aos porteiros e o resto de roupa deportiva.

Nestes anos a segunda camiseta estivo protagonizada polo clolor azul, primeiro cunha peza celeste e despois cun ton máis escuro, mentres que a roupa de adestramento o pasado curso mesturou o rosa co granate. Producirase esta campaña un cambio importante? En só uns días a afección do Pontevedra sairá de dúbidas.