O Pontevedra vai "de cabeza" polo ascenso

Pontevedra
22 de decembro 2021

Os granates conseguiron 12 dos seus 30 goles coa cabeza, con Charles como principal ameaza aérea ao rematar ao fondo da rede nove balóns. Javi Rey, Brais Abelenda e Romay completan a nómina de cabeceadores do equipo de Pasarón

Partido entre Pontevedra e Coruxo en Pasarón Cristina Saiz

Está farto de repetilo Ángel Rodríguez. Sería de necios non aproveitar o poderío áereo de contrastados rematadores de cabeza como Charles ou Rufo. Conscientes da súa superioridade nos remates de cabeza, o xogo granate derivou, sobre todo nas últimas xornadas, en bombardeos constantes ao corazón da área en busca principalmente da testa do máximo goleador do Pontevedra, que con nove certeiros cabezazos leva de cabeza ao conxunto de Pasarón a por o ascenso.

O primeiro tanto da tempada chegou a través dun centro lateral rematado de forma maxistral por Charles. Foi na primeira xornada de liga en Pasarón contra o Compostela, cando os granates non perfeccionaran aínda a súa principal arma de guerra. Repetiu o ariete brasileiro á xornada seguinte en Móstoles para poñer aos seus por diante dun marcador que acabaría igualado nunha desas aciagas tardes de comezos de liga nas que os granates non pechaban os partidos e terminaban por regalaron puntos nos minutos finais dos duelos.

Houbo que esperar tres xornadas para atoparse con outro cabezazo letal do que, no que a partidos oficiais a nivel estatal refírese, xa é o máximo goleador histórico do Pontevedra. Foi para iniciar o proceso de resurrección dun equipo que parecía non dar coa tecla. O croque de Charles abriu o camiño da igualada en Pasarón contra o Arenteiro, un partido que serviu como punto de inflexión no devir do equipo de Ángel Rodríguez.

Foi neste choque, tras o descanso, cando o preparador leonés viu a luz. Atopou acomodo para os seus dous arietes, descubriu o perigo das subidas ao ataque dos seus laterais e apostou pola calidade e capacidade asociativa dos seus interiores. Unha receita que foi perfeccionando en xornadas posteriores e que serviu para dar brillo a un recurso do balompé de antes, pero coa mobilidade e dinamismo do fútbol de agora.

En Luanco, o centro lateral non foi decisivo, pero si unha semana máis tarde na Boa Vila. Contra o Llanera outro cabezazo de Charles, o cuarto, abría o camiño dunha goleada o día do 80 aniversario da entidade.

En Segovia o Pontevedra gañou, pero perdeu a Rufo por lesión e con el unha das súas grandez bazas aéreas. Non se resentiu o Pontevedra que, lonxe de buscar outros camiños cara ao gol, potenciou aínda máis a súa principal virtude. Dos oito partidos posteriores, os granates gañaron seis. O primeiro unha semana despois para remontar con dous certeiros cabezazos de Charles e Javi Rey un complicado enfrontamento contra o Coruxo.

Os tropezos contra os madrileños Adarve e Navalcarnero reduciron a cota goleadora dos granates, que xa se situaban como os principais artilleiros da categoría. Volveron golear en Avilés sen ataques aéreos efectivos. Pero nas catro últimas xornadas, o centro lateral volveu funcionar como a autoestrada granate cara ao gol. Desde a dereita principalmente, con Seoane como secundario de luxo. Pero tamén desde a esquerda.

Empezando polo final, Samu Araújo estreouse no Helmántico para abrir a lata cun preciso centro que Charles converteu en xenial asistencia. Despois a picardía de Romay fixo boa unha falta botada ao momento de penalti por Yelko. Unha semana antes, contra o Ceares, era Brais o que asinaba un remate picado máis propio do pichichi brasileiro, quen tampouco faltou á súa cita ao redondear a goleada cun cabezazo máis violento que moitos disparos que se viron ao longo da tempada en Pasarón.

En Langreo, Charles tamén iniciou o camiño da remontada de cabeza e unha semana antes en Pasarón contra o Arousa, os granates sumaron os tres puntos por outro certeiro cabezazo dun rematador que xoga en 2ªRFEF pero que segue sendo de primeira, categoría á que o Pontevedra vai de cabeza.