Nin nos partidos amigables afrouxa o ritmo o Pontevedra Club de Fútbol, que este venres nun encontro de preparación impúxose no estadio vigués de Barreiro a un equipo de superior categoría como é o Celta B.
Ante a falta de xornada tanto na Primeira como na Segunda RFEF, a cita serviu para non perder o ritmo competitivo e tamén para dar minutos a xogadores que están a gozar de menos protagonismo en liga, xa que Ángel Rodríguez repartiu esforzos con equipos totalmente diferentes en cada tempo.
Os granates formaron no once inicial con Cacharrón, Santi Figueroa, David Soto, Samu Santos, Pablo López, Javi Rey, Romay, Yelko Pino, Rubio, Iñaki e Martín Diz, entrando máis tarde desde o banco Álvaro Cortés, Seoane, Churre, Pacheco, Samu Araújo, Miguel Román, Brais, Álex González, Oier Calvillo e Charles.
Foi o Celta B o que se adiantou no marcador, pero antes do descanso Yelko Pino, de falta directa, establecía a igualada.
Xa na segunda metade, con dominio do Pontevedra, puido desequilibrarse o marcador primeiro cun penalti fallado por Oier Calvillo, pero foi finalmente Brais Abelenda o que anotou o 1-2.
O Celta B chegou a empatar, pero Charles demostrou unha vez máis o seu gran estado de forma para facer os dous últimos tantos do partido e poñer o definitivo 2-4 que mantén coa moral polas nubes aos granates para o seu próximo partido de liga ante o Compostela e ante a persecución ao líder Unión Adarve.
"O importante era conseguir que o partido valese para que aqueles xogadores que veñen xogando menos tempo sumasen minutos para afrontar os próximos partidos con certas garantías. Hai xogadores que teñen que empezar a entrar nas rotacións e cuantos máis minutos teñan, máis fácil vai ser para eles poder dar de si", sinalou tras o encontro amigable o adestrador dos de Pasarón.