O Pontevedra retoma a liga reforzado no mental, no deportivo e sen resaca pola Copa

Pontevedra
09 de xaneiro 2021

Os granates reciben este domingo, en Pasarón ás 17 horas, ao Guijuelo, penúltimo clasificado, co obxectivo de retomar a liga no 2021 cunha vitoria

Partido de Copa do Rei entre Pontevedra e Cadiz Mónica Patxot

O Pontevedra concluíu a liga no 2020, hai case un mes, cunha contundente e dolorosa derrota por 3-0 no Vao contra o Coruxo. Un resultado que, unido aos dous empates anteriores e á persecución na táboa de equipos como o Racing de Ferrol, faría poñer en alerta á escuadra granate. Pero as boas actuacións na Copa do Rey, eliminando con solvencia ao Cartaxena e sendo superior a unha Primeiro División como o Cádiz, que só puido gañar na quenda de penaltis; disparan de novo o optimismo na parroquia granate.

Este domingo, ás 17 horas en Pasarón, os de Jesús Ramos volven á realidade nun partido que os enfrontará en Pasarón ao Guijuelo, penúltimo clasificado con só 6 puntos. 

"Asequible nesta liga non hai ninguén, podes pensalo pola clasificación e porque só levan seis puntos, pero por futbolistas non deben estar aí", avisa o adestrador do Pontevedra lembrando o ocorrido contra o Coruxo, que viña de ser pechacancelas antes de enfrontarse e golear aos granates. Engade ademais o preparador marinense que os salmantinos tiveron tempo de reconstruírse desde o parón do Nadal. "Tiñámolos ben estudados, pero neste tempo mellorarían e farían cambios. Non sabemos que modelo de xogo presentarán", matiza Ramos.

Aínda así, o técnico pon en valor o bo traballo realizado polos seus xogadores non só nos dous últimos partidos de Copa, tamén desde o inicio da tempada. "A moral sempre a tivemos alta, fomos moi regulares nunha categoría que é moi difícil gañar. Só perdemos un partido", puntualiza o adestrador poñendo como proba da fortaleza do seu equipo o mal que llo fixeron pasar a un equipo de superior categoría como o Cádiz.

Ese partido non só serviu para reforzar a candidatura de aspirante ao ascenso do Pontevedra, tamén confirmou que, aínda que reducido, existe fondo de armario para suplir as baixas por lesión de Adrián Cruz e Romay no centro de máquinas e a de Charles, por sanción, no ataque. Pendentes de se poderán contar ou non con Borja Martínez, Ramos destacou o bo papel do centro do campo contra o Cádiz.

No primeiro tempo o Pontevedra exhibiu un rombo con Imanol como ancora, Óscar e Álex como interiores e Jorge Fernández no vértice ofensivo. "Entendemos moi ben o xogo interior", destacou o preparador desa primeira fase do partido. No segundo tempo, nunha liña de catro en paralelo, foi Xisco Campos o que xogou á beira de Imanol cun rendemento máis que notable. Por iso, no banco de Pasarón, á espera de fichaxes que palien a longa ausencia de Romay, hai tranquilidade tanto pola calidade do plantel como polo demostrado no último partido. "O que adestramos viuse que foi válido", argumenta Ramos.

Tamén destacou o técnico o papel dos canteiráns, protagonistas no encontro de Copa. "Estamos moi contentos coa xeración do 99 e do 2000. O salto desde Preferente a Segunda B é moi grande, pero xa aprenderon co nivel dos adestramentos e xa arriman máis o ombreiro. Pódennos achegar cousas e nun futuro non moi afastado serán importantes para o Pontevedra", eloxiou Ramos a Martín Diz, Samu Vilariño e Santi Figueroa pola súa actuación contra o Cádiz, sen esquecer o papel do resto de canteiráns como Iñaki, Pacheco ou David Veiga, que, a recado, terán máis minutos ao longo da tempada.