Os oitavos de final da Copa Federación esperan ao Pontevedra despois de que os granates superasen de novo ao Marino de Luanco, esta vez a domicilio.
Un solitario gol de Carnero aos 68 minutos de xogo botou por terra as opcións de remontada asturiana, xa que ata ese momento o equipo local mantíñase na eliminatoria.
Os xogadores menos habituais en liga responderon á oportunidade dada por Luisito, que dispuxo un once con Lloves, Miguel, Anxo, Pablo, Bruno, Kevin, Tubo, Pedro, Carnero, Tomás e Miki.
O global da eliminatoria foi de 2-0, tras a vitoria pola mínima de hai dúas semanas na ida disputada no Estadio Municipal de Pasarón.
'BOXING DAY' ANTE A CULTURAL
Superado o trámite copeiro, o Pontevedra pódese centrar xa no último partido ligueiro do ano, un duelo ao grande ante o segundo clasificado, a Cultural Leonesa (domingo, 17:00 horas).
Ante a importancia do choque e coa intención de que o Estadio Municipal de Pasarón presente o mellor aspecto posible, a directiva do club decidiu converter a xornada no seu particular 'boxing day' a imaxe e semellanza da liga inglesa.
Por ese motivo os menores de 14 anos poderán entrar ao estadio de balde.