Pontevedra e Marino de Luanco aburren nunha gris noite copeira (1-0)
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado
Nin fútbol, nin goles, nin case disparos a portería, ocasións de perigo ou xogadas de mérito. Pontevedra e Marino de Luanco empeñáronse en demostrar que para moitos equipos esta Copa Federación é un incómodo trámite, que só ten o aliciente económico para o equipo que consiga levar o trofeo ás súas vitrinas, e para iso hai que pasar antes un rosario de partidos como o desta ocasión que pouco ou case nada ofrecen ao espectador.
Ademais, como tamén adoita suceder, o que podería ser unha oportunidade para os xogadores menos utilizados, para reivindicarse ante o adestrador reclamando maior protagonismo lixeiro, termina por servir para reafirmar que na maioría dos casos a falta de oportunidades está máis que xustificada, á vista do estado de forma ou actitude dalgúns.
Fronte a un equipo que non atravesa precisamente o seu mellor momento, perdido na metade da táboa da terceira asturiana, o Pontevedra deixou aberta a eliminatoria, debendo viaxar a Miramar cunha curta renda que lle obrigará a un maior esforzo se non quere tirar a competición. E fíxoo por falta de intensidade e profundidade nas súas accións.
Baste dicir que ata que chegou o único gol do partido non se disparou a porta entre os tres paus nin unha soa vez. E despois diso, ese feito repetiuse nunha soa ocasión máis. Fixérono os visitantes, practicamente na súa única chegada con relativo perigo, cun remate frouxo e ao centro, que non puxo en apertos a Lloves.
A primeira parte foi para durmir a calquera. Dominio territorial granate, pero sen perigo. Os asturianos non é que non chegasen á área, é que case nin pisaban campo contrario. Capi tivo a única ocasión clara, á saída dun corner, pero mandou o balón ás nubes (minuto 41), nun remate desde o bordo da área de meta.
Non mellorou o xogo na segunda parte, nin a pesar dos cambios, ata que unha das poucas galopadas de Anxo por banda (minuto 78) permítelle gañar a liña de fondo. Desde alí pon un centro perfecto que pasa a porteiro e liña defensiva, para que Miki empuxe a porta baleira logrando o único gol do partido.
O tanto espertou un pouco aos protagonistas. O Marino puido empatar un minuto despois cando Omar Álvarez gáñalle as costas e desborda a un descoidado Tubo, pero remata case ao banderín de corner.
Daquela o Pontevedra puido ampliar a conta nun lanzamento de falta de Borjas desde a frontal da área, pero o balón foise ao traveseiro. Foron cinco minutos nos que pareceu que o Pontevedra podería sentenciar se mantiña esa intensidade nas súas accións, pero esa actitude ambiciosa durou o que un caramelo na porta dun colexio. Volveron as imprecisións, o non dar dous pases seguidos e o aburrimento, tanto que o público deu por boa a chegada do final dun partido aburridísimo.
PONTEVEDRA CF (1): Lloves; Miguel (Mouriño, minuto 54), Bruno, Capi, Anxo; Queijeiro (Tomás, minuto 63), Pedro García; Tubo, Jacobo (Borjas, minuto 74), Miki; e Pablo Carnero.
CLUB MARINO DE LUANCO (0): Davo; Pablo Suárez, Samuel, Gabancho, Guaya; Espolita; César (José Ángel, minuto 81), Pablo Hernández, Juanín, Imanol (Dani López, minuto 75); e Álvaro (Omar Álvarez, minuto 73).
Árbitro: Gonzalo Villanueva Carballo (Galicia), auxiliado nas bandas por Carlos Fontán Ruiz e Alberto Gómez Lameiro. Amoestou a Pedro García, polo Pontevedra, e a Imanol e Pablo Hernández, polo Marino.
Goles: (1-0) Minuto 78: Miki.
Incidencias: Estadio Municipal de Pasarón (Pontevedra). Partido de "ida" dos dezaseisavos de final de Copa Federación. Uns 400 espectadores.
Relacionadas:
-
O Pontevedra repite resultado en Luanco (0-1) e avanza a oitavos de final na Copa Federación
Por Redacción |
-
Esixente última semana de competición do ano para o Pontevedra
Por Diego Espiño |
-
Preocupación polo estado dos lesionados
Por Diego Espiño |
-
O Pontevedra supera ao infortunio e ao Somozas (2-0) a base de fútbol e entrega
Por Ramiro Espiño & Diego Torrado |
-
Duelo de xeiras positivas en Pasarón entre Pontevedra e Somozas
Por Diego Espiño |
-
Oportunidade para os futbolistas menos habituais
Por Diego Espiño |
-
Grave erro arbitral e máis emoción que xogo no derbi entre Celta B e Pontevedra (1-1)
Por Ramiro Espiño & Diego Espiño |
-
Marino de Luanco, rival do Pontevedra na primeira rolda da Copa Federación
Por Redacción |