O Pontevedra CF confirma o regreso de Edu Sousa despois de tres tempadas afastado das filas granates.
Tras anunciar este mesmo venres a saída dun total de doce xogadores do primeiro plantel, entre os que se atopaban os tres porteiros da pasada campaña (Pablo Cacharrón, Álvaro Cortés e Viktor Nikolov), o club lerezano xa asegurou aos gardametas Edu Sousa e Manu Vizoso, que ascende ao primeiro equipo.
Edu Sousa despediuse do Pontevedra en xullo de 2020 despois de sete tempadas no primeiro equipo e 249 partidos oficiais disputados.
Foi ao Talavera, onde estivo dous anos e foi titular indiscutible, para despois regresar a Galicia e unirse ás filas do RC Deportivo, onde foi incapaz de quitarlle o posto a Ian Mackay e tan só xogou 299 minutos.
Pola súa banda, Manu Vizoso conseguiu o ascenso a Terceira RFEF co filial granate, xogou un total de 35 partidos, 3.106 minutos e encaixou tan só 18 goles.
Desta forma, o Pontevedra CF continúa perfilando o equipo que competirá en Segunda RFEF coas renovacións de Álex González e Churre; o ascenso de Vizoso; e as fichaxes de Óscar Castellano 'Chiqui', Charly López, Eneko Zabaleta e Edu Sousa.