Ata 147.000 euros poderá percibir esta tempada o Pontevedra Club de Fútbol en concepto de axudas por parte da Real Federación Española de Fútbol.
Así se establece na resolución do programa Impulso 23 convocado polo organismo federativo como apoio aos clubs de Segunda División B e Terceira División, aínda que a entidade granate debe solucionar aínda unha incidencia na tramitación para percibir a subvención.
En concreto, o Pontevedra ten dereito a ingresar 60.000 euros en concepto de impulso á profesionalización como partida máis importante, á que se suman 40.000 euros para o fomento da base e 12.000 euros como contraprestación polos desprazamentos que debe asumir ao longo desta tempada no Grupo I da Segunda B, con encontros en Baleares, Melilla e Gran Canaria.
Por último a clasificación dos granates para xogar a Copa do Rei reportaralle 35.000 euros, a pesar de caer na primeira rolda do torneo do K.O. contra o Ibiza.
Ao que non accedeu o club de Pasarón, ao contrario que a maioría de equipo da categoría, é á partida de axudas de arbitraxe e que podería ter ascendido a 26.410 euros.
Nestas mesmas axudas o Arosa da Terceira División percibirá 45.000 euros.