O Pontevedra recibe o Tudelano coa necesidade de puntuar

Pontevedra
05 de setembro 2015

Os granates buscan o seu primeiro triunfo da tempada este domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón coas baixas de Carnero por sanción e Miguel Loureiro por lesión e intentando vencer á fatiga tras dous longos desprazamentos a Cáceres e Guijuelo

Adestramento do Pontevedra en Príncipe Felipe Mónica Patxot

Vencer ao cansazo, á falta de gol mostrada nos dous primeiros partidos e ao Tudelano, un rival que chega a Pasarón ilusionado con pelexar polos postos nobres da clasificación.

O Pontevedra busca este domingo (17:00 horas) no Estadio Municipal de Pasarón o seu primeiro triunfo da tempada, que lle permita respirar na clasificación e confirmar as sensacións positivas mostradas durante boa parte dos seus dous anteriores choques ligueiros, nos que rematou en inferioridade numérica.

A segunda desas expulsións deixará na bancada a Pablo Carnero traspasando a responsabilidade goleadora a Borjas Martín, que debutará no estadio pontevedrés.

Os granates deberá superar ademais o cansazo de dúas longas viaxes consecutivas, o segundo entre semana a Guijuelo para xogar a Copa do Rei, na que caeu eliminado e resultou lesionado Miguel Loureiro.

O equipo adestrado por Luisito estase a mostrar competititvo pero ata o momento repetiu resultado nos seus tres compromisos oficiais, derrotas pola mínima, unha xeira negativa que esperan deixar atrás ante un Tudelano que se reforzou esta mesma semana.

O conxunto navarro confirmou o luns, ao límite de prazo, a cesión do centrocampista Yanis Rahmani (Athletic Club), do dianteiro Adrián Rodríguez (Real Club Celta) e a fichaxe do tamén dianteiro Iván Martín, procedente do filial do Betis.

Os tres poderían ter minutos en Pasarón, ao igual que a última incorporación granate, Álvaro Queijeiro, que debutou o mércores en Copa.

O encontro será arbitrado polo colexiado madrileño Jerónimo Montes García-Navas.