O Pontevedra recibe ao Atlético Baleares coa única dúbida de Nacho López

Pontevedra
21 de setembro 2019

Romay, Javi López e Adighibe completaron os adestramentos sen molestias e poderán dispoñer de minutos o domingo #ante un dos principais favoritos a meterse entre os catro primeiros

O Pontevedra vence ao Coruxo no primeiro partido de liga Diego Torrado

O Pontevedra espera a visita do Atlético Baleares este domingo ás 12 horas no estadio de Pasarón. O adestrador do conxunto granate, Luismi Areda, dispoñerá todo o seu persoal ao completo para medirse a un dos favoritos da categoría, salvo con Nacho López, que segue recuperándose dunha lesión muscular e será dúbida ata última hora. "Vai estar justito, a ver como completa a sesión deste sábado", dixo o técnico tras o adestramento do venres.

O resto de xogadores que estaban con problemas físicos, como Romay, Javi López ou Adighibe, poderán entrar na convocatoria ao completar con normalidade todas as sesións da semana. Tamén o hondureño Mejía, que aínda segue traballando para poñerse ao mesmo nivel que o resto dos seus compañeiros.

Sobre a necesidade de sumar os tres puntos despois da última derrota, o preparador asúmeo con naturalidade. "A presión xa nola metemos nós mesmos, cada partido querémolo gañar e despois dunha derrota saes con máis necesidade. No noso campo conseguimos facernos fortes a tempada pasada e xa gañamos os dous partidos desta. Queremos seguir sendo fortes e que aos equipos lles custe puntuar aqui", declarou Luismi.

Con todo, o conxunto balear non llo poñerá nada fácil ao Pontevedra. "A nivel ofensivo teñen potencial e o mellor é que o equilibran coa defensa. Sempre están ben posicionados, apertan sen balón e é difícil facerlles dano. Do mesmo xeito que o Ibiza, están feitos para estar entre os catro primeiros", asegurou o técnico.

O último partido contra o Eivissa pono Luismi como exemplo de accións a corrixir. "Sen balón defendemos moi atrás e iso impedía saír facil á contra", admitiu o vigués que espera tamén que os seus xogadores estean máis acertados en ataque que no último partido disputado en Pasarón. "Hai que tentar materializar as ocasións xeradas e que o rival non se poña por diante para que non se xere ese nerviosismo", proponse.