O Pontevedra que quere Antonio Fernández: "Un equipo protagonista, que vai querer o balón"

Pontevedra
07 de xullo 2022

O novo adestrador granate deixou na súa presentación unhas pinceladas do que se poderá esperar do seu equipo. "Darei os meus matices pero dentro dunha liña continuista", afirmou

Antonio Fernández, na súa presentación como adestrador do Pontevedra Mónica Patxot

Novo ciclo no Pontevedra Club de Fútbol con Antonio Fernández Rivadulla como capitán ao mando desde o banco do Estadio Municipal de Pasarón.

O técnico é un vello coñecido da afección granate, que o gozou un ano como xogador (2011/2012) e viuno crecer como adestrador na comarca coas súas primeiras experiencias como preparador principal no Vilalonga e o Alondras. Despois chegarían tres anos no San Roque de Lepe cun ascenso a Segunda RFEF e un meritorio sexto posto nesa categoría.

Agora, anos despois, regresa á que foi a súa casa, pero... como vai ser o Pontevedra de Antonio Fernández?

O técnico deixou algunhas pinceladas na súa presentación do que se poderá ver a próxima tempada, na que "darei os meus matices pero dentro dunha liña continuista", afirmou en relación ao proxecto e estilo de xogo co que o cadro granate conseguiu o ascenso.

É unha das liñas marcadas desde a dirección do club, lóxica tendo en conta que a maior parte dos xogadores, en especial os pesos pesados do plantel, continuarán no equipo.

Antonio promete "traballar duro" co obxectivo de que "no verde sexa un equipo recoñecible, que a afección poida gozar de ver ao Pontevedra". E como se consegue iso?, pois a súa receita é clara, "que poida ser un equipo protagonista, que vai querer o balón, que vai tentar ser mellor que o rival con balón", explicou.

Todo iso pensando que "a miña filosofía é ir semana a semana. O camiño para seguir é o traballo diario", defendeu con ansias de vestirse de curto a partir do próximo 18 de xullo na volta aos adestramentos.

Será o inicio dunha intensa pretempada de seis semanas na que o obxectivo será "chegar moi ben ás primeira xornadas porque vai ser unha tempada super ilusionante pero moi dura".

Un reto que promete emocións fortes pero sen engurrarse ante unha esixencia que "nunca é mala", recoñeceu Antonio sen querer fixar unha meta clara e tampouco renunciar a nada.