O Pontevedra pon en marcha unha ampliación de capital por valor de 373.599 euros

Pontevedra
25 de setembro 2023

O Consello de Administración granate pon en marcha a maquinaria para ampliar o capital social da entidade por consideralo "a vía de financiamento máis eficaz para a Sociedade co obxectivo de poder tentar regresar novamente a unha categoría de fútbol profesional"

Xunta xeral de accionistas do Pontevedra CF SAD Mónica Patxot

Xa é oficial. O Pontevedra Club de Fútbol SAD inicia o proceso para ampliar o seu capital social.

O Consello de Administración granate, que foi autorizado a este movemento na última Xunta Xeral de Accionistas, deu o paso para facer efectiva unha ampliación que considera "a vía de financiamento máis eficaz para a Sociedade co obxectivo de poder tentar regresar novamente a unha categoría de fútbol profesional", sobre todo debido a "a actual conxuntura económica de altos tipos de interese e endurecemento das condicións para o acceso ao financiamento bancario".

Todo iso, xustifica, debido ás perdas acumuladas tras a irrupción da Covid-19 e a posterior reestruturación do fútbol nacional que "causou que os dous últimos exercicios fosen deficitarios" tras ser "unha constante a presentación de superávit nas contas anuais do club durante 5 tempadas consecutivas".

Segundo sinala o Pontevedra esa decisión "fará que se reduza o endebedamento, mellorando os cocientes de solvencia e liquidez da entidade".

En total a ampliación de capital será de 373.599,10 euros, e formalizarase coa emisión de 533.713 novas accións, ao prezo de 0,70 euros/acción + 0,70 euros de prima de emisión.

O trámite realizarase nunha soa fase, cun mes de prazo, podendo participar unicamente os actuais socios accionistas na mesma proporción á súa porcentaxe de participación no capital social da entidade.