Máis aló do traballo nos despachos para a confección do plantel, e para pechar a chegada dun novo adestrador, o Pontevedra Club de Fútbol avanza noutros aspectos organizativos, como a configuración da próxima tempada.
Neste sentido os plans da entidade granate é que o seu primeiro equipo complete unha preparación de seis semanas antes da primeira xornada de liga na Primeira RFEF, fixada para o día 28 de agosto.
É por iso que "o 15 ou o 18 de xullo empezaremos a pretempada", confirmou o director deportivo, Toni Otero.
Serán por tanto cinco semanas de preparación intensa máis unha última xa encarada á estrea competitiva.
Nese período a intención do departamento deportivo é fixar ata oito encontros amigables.
Un deles xa se deu a coñecer por parte do club rival, o Club Deportivo Lugo, que visitará o Estadio Municipal de Pasarón o día 27 de xullo (19.00 horas).