O Pontevedra-Ourense, un derbi decisivo cun ollo posto no 'average'

Pontevedra
15 de abril 2024
Actualizado: 30 de setembro

O duelo do próximo domingo 21 de abril en Pasarón entre Pontevedra Club de Fútbol e Ourense CF apunta a decisivo na pelexa polo ascenso a Primeira RFEF, un encontro no que ademais dos puntos estará en xogo cal dos dous equipos decanta ao seu favor o diferencial de goles en caso de empate a final de liga

Afección do Pontevedra no Vero Boquete Cristina Saiz

Dixerido xa o empate conseguido este domingo en Santiago de Compostela, o Pontevedra Club de Fútbol mira xa cara ao partido que pode marcar a súa tempada, a visita do Ourense CF ao Estadio Municipal de Pasarón o vindeiro domingo 21 de abril (17.00 horas).

Os granates, que co punto sumado no Vero Boquete manteñen o liderado, viron como de novo o cadro ourensán empatoulles a puntos (64), mentres que as táboas do outro candidato, o Zamora, fronte ao Valladolid Promesas mantenlle a cinco de distancia (59 puntos) e cada vez con menos opcións de ascenso directo.

O punto do Pontevedra contra o Compostela pode acabar tendo un gran valor para os de Yago Iglesias, e é que grazas a el se o derbi fronte ao Ourense acaba en táboas manteríase na cabeza, aínda que mirando de esguello ao diferencial de goles ou 'average', un aspecto que pode terminar resultando decisivo para decidir a primeira posición se hai igualdade a puntos.

Ao empatar na ida, o vencedor do Pontevedra-Ourense decantará a favor o average particular entre ambos os dous, pero no caso de empate habería que mirar ao diferencial total de goles a favor e en contra, no que actualmente os granates contan cunha diferenza a favor de 10 tantos con respecto ao seu rival. Este dato deixaría nunha misión case imposible voltear a situación nas dúas últimas xornadas salvo goleadas de escándalo do equipo da Cidade das Burgas.

Co diferencial particular co Zamora tamén gañado, só nun improbable empate a tres bandas sairía prexudicado o conxunto granate, xa que o beneficiado sería o propio equipo zamorano.

Todo isto a tres xornadas para o final da liga regular, e cun calendario que para o Pontevedra depara tamén unha saída ao campo do Deportivo Fabril (28 abril) e un duelo final na casa fronte ao Racing Villlabés (5 maio), equipos ambos os dous implicados na pelexa por escapar do descenso.

Pola súa banda o Ourense, ademais de visitar Pasarón debe aínda xogar contra Oviedo Vetusta en casa e Real Avilés fóra e o Zamora enfrontarase por esta orde a Marino de Luanco e Langreo a domicilio e a Arandina na casa.