O Pontevedra necesita os tres puntos para espantar vellas pantasmas

Pontevedra
19 de outubro 2019

O equipo granate recibe este domingo ás 17 horas en Pasarón ao Xetafe B, último clasificado, coa obrigación de conseguir os tres puntos para cortar unha serie de dúas derrotas consecutivas que sitúan aos de Luismi só dous puntos sobre o descenso. "Non é unha final", asegura o adestrador.

Partido de liga entre Pontevedra e Atlético Madrid B en Pasarón Diego Torrado

Partido decisivo para o futuro do Pontevedra o que se vivirá este domingo (17 horas) en Pasarón. O conxunto granate recibe ao Xetafe B, último clasificado, coa necesidade de sumar os tres puntos para cortar unha serie de dúas derrotas consecutivas que deixaron ao equipo só dous puntos por encima dos postos de descenso.

"Non é unha final, pero si un partido importante. Temos que romper esa dinámica negativa e tentar gañar, queremos ter outras sensacións diante da nosa xente e quedarnos cos tres puntos", declarou Luismi Areda na previa do transcendental encontro.

A presión pola necesidade de gañar é algo ao que están afeitos os xogadores do primeiro plantel granate e o feito de ser favorito por xogar contra o pechacancelas pode aumentar aínda máis esa ansiedade. "Nós non vemos a clasificación, vemos por nós. Dáse que agora vén o Xetafe que é o último, pero agora mesmo non estamos para fiarnos de ninguén. Se saímos concentrados, sacaremos o partido adiante", asegura o técnico granate.

Do filial azulón, Luismi espera que saian replegados para cazar ao Pontevedra ao contragolpe. "É un equipo ben organizado defensivamente con xogadores rápidos arriba para saír á contra e un dianteiro que aguanta ben o balón. Podemos ver a versión boa ou a mala deles, dependendo do que fagamos nós", subliña o preparador vigués.

Na convocatoria non estarán os lesionados Javi López, nin Alberto Campillo. Pero na sesión deste venres, Nacho López retirouse con molestias nun dos seus aductores e será dúbida ata momentos antes de empezar o partido. "Esperemos que estea ben, senón xoga outro compañeiro, hai dous por posición", comentou o adestrador.

O que non estará sobre o céspede é o propio Luismi, sancionado con dous partidos por saír da área técnica despois do tanto anulado a Romay en Valdebebas. "É a primeira vez que me pasa, vivireino con máis nervios que cando estás no banco porque desde arriba non poderei falar cos futbolistas", confesa sen saber aínda desde que punto do estadio vivirá o partido.

Está convencido Luismi de que a súa ausencia non afectará o rendemento do equipo. "Confío no meu corpo técnico. Somo un equipo de traballo e todos imos coa mesma idea, por iso quédome máis tranquilo. Pero dáme rabia non estar abaixo", asume.

Outro punto de interese o domingo será o estado do céspede de Pasarón. Cada inverno, coa chegada das choivas, o campo vólvese impracticable polos problemas de drenaxe que carrexa desde o momento da súa inauguración. "Xa estamos afeitos, sabemos que cando vén a choiva o campo sofre. Hai que adaptarse. Está ben mentres non se pise, logo acábase poñendo como un bulleiral", lamenta o granate.

O once que exporá Luismi para cortar a serie negativa é tamén unha incógnita."Haberá matices para buscar solucións e outros camiños que che leven a gañar. Non será unha revolución", explica o preparador, que xa ten a aliñación na súa cabeza. Sobre os cambios no centro do campo, no que só Berrocal parece ser fixo nas aliñacións, detalla Luismi que "busco aos xogadores adecuados para cada tipo de partido. De aí eses cambios", remata.