O Pontevedra mantén os adestramentos do primeiro equipo a pesar da alerta sanitaria

Pontevedra
12 de marzo 2020

O persoal granate ten previsto realizar as sesións preparatorias a porta pechada nas instalacións deportivas de Campañó ou  Pasarón, pechadas ao resto de equipos este xoves polo  Concello

Adestramento do Pontevedra en Campañó Cristina Saiz

A expansión do coronavirus está a afectar ao mundo do deporte. Os campionatos deportivos están a ser suspendidos en todo o país, con todo os profesionais deben seguir adestrando para estar preparados para a volta das competicións. É o caso do primeiro equipo do Pontevedra Club de Fútbol que mantén a mesma rutina de adestramentos programada antes do estalido da crise. "En principio o primeiro equipo segue co seu plan de adestramento habitual", informan desde o departamento de comunicación da escuadra granate.

Pola contra e seguindo as recomendacións do Goberno, da federación e das autoridades sanitarias, a dirección deportiva do Pontevedra CF acordou este xoves cancelar os adestramentos de todos os equipos da canteira "ata novo aviso", recolle un comunicado que afecta tamén ao filial de Preferente.

O peche das instalacións deportivas municipais decretadas polo Concello de Pontevedra non afectará ao primeiro plantel do cadro granate que, de forma excepcional, poderá seguir utilizando as instalacións de Campañó e Pasarón. Con todo, os adestramentos realizaranse a porta pechada para minimizar o risco de contaxio.

A decisión do Pontevedra CF contrasta coas medidas adoptadas por outros equipos da contorna. A maioría de clubs decidiron cancelar os adestramentos dos equipos de todas as categorías mentres estea activa a alerta sanitaria, pero para os profesionais as restricións son menos severas. Deste xeito, o primeiro equipo do Cisne non volverá aos adestramentos ata que as autoridades levanten as resitrccións, mentres que a do Teucro suspendeu as sesións preparatorias como mínimo ata o luns, mentres que o Peixe Galego deixará de adestrar, polo menos, durante unha semana ou ata que a FEB realice un novo comunicado.