O Pontevedra leva o Trofeo Luis Otero ao vencer o Lugo (1-0)

Pontevedra
17 de agosto 2024

Quinto encontro de pretempada para o Pontevedra Club de Fútbol, que este sábado 17 de agosto recibiu no Estadio Municipal de Pasarón o CD Lugo de Primeira RFEF. O encontro decidiuse cun gol de Mario Gómez á saída dun córner

Trofeo Luis Otero entre Pontevedra CF e CD Lugo Cristina Saiz

O LXII Trofeo Luis Otero queda na casa, tras o triunfo do Pontevedra Club de Fútbol no Estadio Municipal de Pasarón na visita do CD Lugo, na que era a quinta cita de preparación na pretempada granate.

Era a segunda e última ocasión de ver ao novo Pontevedra como local antes do inicio de liga, ante un rival a priori de nivel como o equipo lugués que milita en Primeira RFEF. Cabe destacar con todo que o conxunto visitante priorizou a final da fase autonómica de Copa Federación que disputa este domingo poñendo sobre o céspede a un equipo con notable presenza de futbolistas do seu filial (Terceira RFEF).

En canto a Yago Iglesias, apostou por un once competitivo pero na que quería seguir probando opcións, como a de situar na punta de ataque a Dalisson. Cun esquema 4-1-4-1, o brasileiro estaba acompañado por Edu en portería, liña defensiva con Garay, Churre, Mario e Héctor Hernández, Samu Mayo como pivote con Iago Novo e Yelko máis adiantados e con Xabi Domínguez e Chiqui nos costados ofensivos.

Tardou pouco en acerse con perigo o Pontevedra, que aos 5 minutos estivo preto do gol nun centro pasado de Yelko ao segundo paló rematado por Xabi Domínguez ás mans de Cacharrón.

Os granates parecían ter un punto máis de intensidade, aínda que e duelo era propio de pretempada e cada custaba chegar con profundidade. De feito salvo a ocasió inicial, en toda a primeira metade soamente Yelko no 28 e Garay xusto antes do descanso gozaron de tímidas ocasións, con Edu Sousa inédito na portería local.

Tras o paso por vestiarios Yago introduciu catro cambios, entrando Manu Vizoso en porteria xunto a Javi Fontán, Álex González e Rufo, pero tentando xa subir a carga de minutos aos demais de xogadores. De feito o resto de cambios non se empezaron a producir ata o minuto 65, xa con 1-0 no marcador. Entraron nese momento Igor, Jesús Cambil, Charly e Marqués 

Xusto antes chegara o gol dos granates, que subiran de marcha presionando ao Lugo para tentar achegarse ao tanto. Chiqui no 51 tivo a opción tras un centro de Álex que non logrou rematar ben, e finalmente chegaría no 61. Córner sacado en curto no costado zurdo de ataque, centro de Yelko ao segundo pau e remate de cabeza de Mario Gómez á rede.

Pouco despois puido chegar o 2-0, pero Cacharrón no seu regreso a Pasarón detivo a Rufo un penalti cometido sobre Chiqui tras unha acción individual do extremo.

Chegou o último carrusel de cambios e con el, ademais de ingresar no terreo de xogo os primeiros representantes do filial granate, empezou a achegarse sen remedio o final do choque sen que se volvese a mover o marcador.

PONTEVEDRA CF (1): Edu Sousa, Garay, Churre, Mario Gómez, Héctor Hernández, Samu Mayo, Yelko Pino, Iago Novo, Chiqui, Dalisson, Xabi Domínguez. Tamén xogaron: Manu Vizoso, Javi Fontán, Álex González, Rufo, Igor, Jesús Cambil, Charly, Marqués, Román, Diego González e Canosa.

CD LUGO (0): Cacharrón, Marcos Sánchez, Juan Rodríguez, Erik Ruiz, Dani Vidal, Guille Perero, Jorge González, Pablo Fernández, Julio Ives, Alberto Freire, Jorge Maceira. Tamén xogaron: Mateo, Ivaldine, Germán, Fernando, Xabier Cidre, Víctor Casais e David Rosón.

Árbitros: Miguel Oliveira Dios, auxiliado nas bandas por Iria Rosendo e Adrián Estévez (Pontevedra). Amoestou a Dalisson no Pontevedra e a Jorge González e Germán no Lugo.

Goles: 1-0 Mario Gómez (minuto 61).

Incidencias: LXII edición do Trofeo Luis Otero disputado no Estadio Municipal de Pasarón.