O Pontevedra iniciará a liga en Ferrol e espera a visita do Deportivo a Pasarón o 6 de decembro

Pontevedra
15 de setembro 2020

A Real Federación Española de Fútbol publicou este martes o calendario de competición da Segunda División B, que dará comezo o próximo 18 de outubro cun esixente derbi para os granates na Malata

Partido entre o Pontevedra CF e o Racing de Ferrol en Pasarón Diego Torrado

O Pontevedra Club de Fútbol coñece ao fin o camiño que lle espera durante a próxima tempada nunha peculiar Segunda División B.

A Real Federación Española de Fútbol publicou este martes o calendario de competición da categoría de bronce, que dará comezo o próximo 18 de outubro cun esixente derbi para os granates na Malata.

Precisamente o Racing de Ferrol, outro dos aspirantes como mínimo a pasar o corte cara á nova categoría, a Primeira RFEF (Segunda  B PRO), será o punto de partida para o cadro pontevedrés, nunha liga na que cada punto será vital ao arrastrarse os resultados á segunda fase da tempada.

Tras esa saída, chegarán dous encontros consecutivos para o Pontevedra no Estadio Municipal de  Pasarón, onde recibirá de maneira consecutiva a Unionistas de Salamanca (25 de outubro) e o Celta  B (1 de novembro) antes de viaxar a Zamora (8 de novembro).

Unha das datas que sen dúbida estará marcada en vermello no calendario dos afeccionados granates é a da visita do Real Club Deportivo a Pontevedra, algo que ocorrerá na sétima xornada de liga (6 de decembro), estando fixado o choque de volta en Riazor para o 7 de marzo, a tres partidos do final da primeira fase.

Será un primeiro tramo da tempada no Subgrupo 1-A de só 18 xornadas que concluirá fóra de casa para os de Jesús Ramos, visitando na última data (21 de marzo) o Guijuelo.

Consulta aquí o calendario completo do Grupo I-A de a Segunda División B.