O Pontevedra ficha ao mediocentro hondureño Alfredo Mejía

Pontevedra
21 de agosto 2019
Actualizado: 14:14

O cadro granate deberá prescindir dun xogador sénior para poder inscribir á nova incorporación

Alfredo Mejía, novo xogador do Pontevedra Wikipedia

O Pontevedra xa ten o ansiado mediocentro para completar a sala de máquinas para a próxima tempada. O hondureño Alfredo Mejía chegará nas próximas horas a Pontevedra para incorporarse á disciplina do equipo que adestra Luismi.

De 29 anos de idade e procedente do RCD España, da primeira división hondureña, Mejía foi 48 veces internacional absoluto co seu país. Trátase dun mediocentro fisicamente poderoso, con carácter e agresividade. "É un todocampista", dixo o técnico granate sobre el, destacando a súa capacidade para traballar en defensa e para incorporarse ás tarefas de ataque. "Tanto pode iniciar como chegar e a nivel defensivo achega bastante porque é moi agresivo e intenso. É moi completo", recoñece Luismi.

O xogador será presentado este xoves ás 10.00 horas na sala de prensa do estadio de Pasarón para unirse logo ao adestramento do equipo en Cerponzóns. "Tentaremos que se adapte o máis rapido posible", dixo o adestrador ao termo da sesión deste mércores. A súa presenza na primeira convocatoria da tempada aínda non é segura e dependerá do ritmo e estado físico no que se atope.

Coa fichaxe de Mejía, o Pontevedra incopora a un xogador "agresivo, combativo e que imprime ese carácter ao equipo. Ten experiencia internacional e trouxémolo para que nos dea ese saltito de calidade e experiencia no campo que en momentos puntuais sempre fai falta", explica o preparador vigués.

A chegada de Mejía obriga á dirección deportiva do Pontevedra a dar a baixa a algún dos xogadores con ficha sénior que están agora no equipo, debido a que só pode haber dezaseis xogadores inscritos e con Mejía, hai dezasete.

"Non se cal será a solución, é evidente que hai que deixar libre unha ficha. O club buscará a mellor solución", dixo Luismi sen aclarar quen será o xogador do que prescindirán nin se se irá coa carta de liberdade ou quedará en club pero sen ficha federativa.

Tampouco están pechadas as portas de entrada. Con dúas fichas sub 23 sen asignar, o Pontevedra peitea o mercado en busca dun defensor de perfil zurdo que poida desempeñarse nas posicións de central e lateral.