Libasse Gueye está de volta en Pontevedra. Máis de dous meses despois da súa desaparición, foise de vacacións polo Nadal para non regresar, o extremo senegalés deixouse ver o pasado sábado por Pasarón.
Ao finalizar o partido, o adestrador Juan Señor e Charles, un dos capitáns do equipo, referíronse á situación do atacante en termos moi distintos. Mentres o técnico abríalle a porta á súa reincorporación ao grupo, o dianteiro brasileiro, visiblemente enfadado, preferiu morderse a lingua e tratar o asunto de modo interno nun discurso que deixa entrever que o vestiario, que sente traizoado por un compañeiro, non quere a Gueye de volta.
"Mellor non falar, imos falar internamente. Calo e xa está, polo ben de todos. Imos gozar da vitoria", declarou un dos pesos pesados do vestiario ao finalizar o partido contra o Alxeciras.
Unha declaración moi distinta á do técnico, ao que este novo episodio do caso Gueye colleuno por sorpresa. "Comentáronme que está aqui e pode estar ao meu disposicion, será un xogador máis e benvido. A condición de que estea en condicións porque nin o vin, nin o coñezo", declarou sen facer referencia á súa desaparición.
Este luns, o Pontevedra regresaba aos adestramentos para preparar o partido do próximo sábado fronte ao Linares pero entre os xogadores citados non estaba Libasse Gueye.
Minutos despois do inicio da sesión de traballo, a directiva do Pontevedra emitiu un breve comunicado no que informaba da celebración dunha reunión entre o futbolista e directivos da entidade para "tratar sobre as decisións para tomar pola súa ausencia".
O culebrón Gueye comezou despois das vacacións de Nadal, cando o extremo africano non se presentou aos adestramentos co grupo.
Durante máis dun mes, o equipo traballou coa súa ausencia sen que ningún responsable dixese nada sobre que estaba a pasar. Foi tras o peche do mercado de inverno cando a presidenta Lupe Murillo referiuse por primeira vez ao caso Gueye para dicir que "está aínda sen pechar. Non lle demos de baixa, segue tendo ficha, non chegamos a ningún acordo o dia do peche de fichaxes. A ver se chegamos a un acordo os próximos días. Nos próximos días haberá un desenlace", dixo Lupe, que naquel momento debatíase entre a "incredulidade de que volva e se queremos que volva". No seu discurso, tamén recoñeceu que no seo do club xa temían a súa fuga porque estaba descontento cos minutos que estaba a xogar, unhas sospeitas que finalmente se fixeron realidade.
Un mes despois da comparecencia da mandataria granate, Gueye regresou a Pontevedra para resolver a súa situación, que pasa pola súa reincoporación ao grupo, o seu despedimento ou que cumpra o seu contrato apartado da dinámica do primeiro equipo. Está por ver tamén que consecuencias contractuais ou que sanción imponlle o club por todo o ocorrido.
Outro agravante en todo este culebrón foron as provocadoras publicacións do senegalés en redes sociais, dando gústame a algunhas publicacións do que é aínda o seu club e publicando enigmáticas mensaxes relacionadas que avivou o enfado dunha afección furiosa polo que entenden como unha imperdoable falta de respecto a un escudo con máis de 80 anos de historia.