O Pontevedra estrélase no minuto 87 en Linarejos (1-0)

Pontevedra
09 de outubro 2022

O Pontevedra aínda non coñece a vitoria a domicilio e segue enfrascado nunha xeira de malos resultados que o afunden á zona baixa da táboa. O tanto tampouco chegou por máis que o tentou e foi incapaz de salvar un punto no inexpugnable Linarejos, que vibrou co gol de Samu Corral na recta final e deixou tocados aos granates

Partido de liga de Primera RFEF entre Linares e Pontevedra Linares Deportivo

O Pontevedra aínda non coñece a vitoria a domicilio e segue enfrascado nunha xeira de malos resultados que o afunden á zona baixa da táboa. O tanto tampouco chegou por máis que o tentou e foi incapaz de salvar un punto no inexpugnable Linarejos, que vibrou co gol de Samu Corral na recta final e deixou tocados aos granates.

Apostou Antonio Fernández por un once diferente ao dos anteriores partidos, con Mario Ortiz e Luís Martínez estreando titularidade. Parecía que, con eses homes, ao Pontevedra ían saír ben as cousas nesta mañá de domingo, protagonizando a primeira chegada de perigo aos dous minutos de xogo. Álex González abriuse á esquerda e ameazou cun disparo que se envenenó pero terminou índose por fóra.

Pero foi un mero espellismo, o dominio da pelota era dos locais, perseguidos polos granates, hoxe de branco, incapaces de interceptar os pases dun Linares cómodo que movía o balón con calma e sen precipitarse.

Conectou, iso si, cando se alcanzaba o cuarto de hora de xogo con Hugo Díaz, obrigando a Álvaro Cortés a intervir na que era a ocasión máis clara dos locais. Pase filtrado a Díaz, que se meteu entre centrais e sacou un disparo que sacou coa man abaixo o gardameta granate.

Parecía que aos poucos o Pontevedra ía tomando o pulso ao envite e protagonizou dúas chegadas a área rival con Charles e Brais Abelenda sen excesivo perigo. Tamén Mario Ortiz logrou unha boa xogada ofensiva para os seus, abriu ao capitán, e este sacou un centro que un defensor desviou a córner.

O balón volveu a dominios do Linares e os de Antonio adiantaban a súa liña de presión pero non eran capaces de roubar en campo alleo, senón que se tiñan que esforzar en tarefas defensivas ante a ofensiva do opoñente, que o tentaba de todas fórmalas pero tampouco abría o marcador.

Puido poñerse de fronte o partido para o Pontevedra ao fío do descanso. Sacou en longo Álvaro Cortés á esquerda, Álex González correu a banda e centrou ao segundo pau, onde chegou un pouco forzado Álvaro Bastos, obrigando a Ernesto a agarrar o balón en dous tempos. 

Nada máis comezar o segundo tempo o Pontevedra viu perigar o partido. Avisou o Linares cunha primeira chegada desde banda dereita cun centro raso que atallou sen problemas Álvaro Cortés e unha segunda con certa polémica, onde os locais reclamaron un posible penalti sobre Hugo Díaz do gardameta.

A segunda parte estaba vibrante e non fixera máis que comezar. Respondían os visitantes cun centro de Yelko Pino desde a esquerda, pero Alberto Rubio foi incapaz de chegar ao remate; e despois cunha falta lateral enviada polo 10 granate pero que despexou de cabeza un rival.

O balón non tiña dono, chegaban os dous equipos a ambas as áreas pero o marcador seguía sen moverse. Avisaban os visitantes con centros e balóns parados sen rematador e o Linares replicaba tentando saír rápido.

Houbo ocasións de todas as cores, Fermín e Hugo Díaz protagonizaban as mellores dos andaluces e Alberto Rubio para o Pontevedra, pero Ernesto e Álvaro Cortés atallaban sen excesivos problemas todas e cada unha das chegadas. Ademais, as faltas e os cambios pasaban a ser un recurso para frear o ritmo frenético desta segunda metade.

O cansazo tamén aparecía nas pernas dos xogadores e, sen máis pena nin gloria, o partido entrou nos últimos 10 minutos. Álvaro Cortés aproveitou un encontrón con Samu Corral, no que ambos viron amarela, para rascar uns minutos .

O Linares estaba desesperado e o Pontevedra recuperaba forzas e daba un paso adiante. E puido facer o 0-1 Ángel Bastos, pero quixo axustar demasiado o seu disparo cruzado e o balón marchou lambendo o poste.

O que non perdoou, pola contra, foi Samu Corral para o Linares no 87. Balón colgado desde a esquerda e remate de cabeza ao interior da portería de Cortés para facer o primeiro tanto do partido.

Un tanto que fixo vibrar a todo o estadio e que obrigaba unha urxente reacción dos granates, condenados polas perdas de tempo dos andaluces que se fixeron cos tres puntos que o manteñen colíder do grupo.

LINARES (1): Ernesto, Candelas (min. 64, Iván Serrano) , Lolo González, Caro, Javi Duarte, Aitor Gelardo (min. 64, Sancris), Rodri, Arnedo (min. 81, Fran Canellón), Fermín, Abeledo (min. 64, Samu Corral) e Hugo Díaz (min. 75, Fran García).

PONTEVEDRA CF (0): Álvaro Cortés, Ángel Bastos, Churre, Miguel Román (min. 77, Masogo), David Soto, Álex González, Brais Abelenda (min. 88, Jon Bakero), Yelko Pino, Mario Ortiz (min. 63, Guèye), Charles (min. 63, Rufo) e Luís Martínez (min. 45, Alberto Rubio). 

Goles: 1-0, Samu Corral (min. 87).

Incidencias: Partido correspondente á sétima xornada de Primeira RFEF disputado no Estadio Municipal de Linarejos ante aproximadamente 3.000 afeccionados.