Segunda vitoria consecutiva da tempada para un Pontevedra que abandona o faroliño vermello da clasificación, reduce a súa diferenza coa permanencia e ve como a esperanza pola salvación volve instalarse no vestiario de Pasarón.
O contundente triunfo do pasado sábado da granates fronte ao Linares súmase ao logrado unha semana antes fronte ao Alxeciras tamén no templo pontevedrés. Dous partidos gañados seguidos en liga que a afección granate non celebraba desde o curso pasado.
Este necesario refacho de vitorias chega no tramo decisivo dunha competición na que a loita por fuxir do descenso está máis apertada que nunca. Ata once equipos están inmersos na carreira pola permanencia. O Alxeciras, con 32 puntos, marca a salvación, pero de esguello e desde o noveno posto, observa o Raio Majadahonda, que é o próximo rival dos granates e que, con 36 puntos, non pode relaxarse senón quere meterse en problemas. Mérida e Unionistas, décimo e uncédimo, están en idéntica situación. Con tres puntos de colchón sobre o descenso aparece o Sanse, mentres que o Linense ten só un punto de renda.
Xa na zona perigosa aparecen o Fuenlabrada, empatado a 32 puntos con Alxeciras e San Fernando. Por detrás e a un punto da salvación figura o Badaxoz; o Ceuta, a tres; o Pontevedra, a catro; e un descolgado Talavera, a sete.
O Pontevedra sumou seis puntos nas dúas últimas xornadas que, unido aos enfrontamentos directos na zona baixa e aos tropezos dalgúns rivais, permitiron aos de Juan Señor reengancharse de novo á carreira por unha permanencia que fai quince días parecía unha quimera.
Con todo, a marxe de manobra dos granates segue sendo escasa e o vindeiro domingo deben, polo menos, puntuar en Madrid para manter vivo o soño da remontada.
Aínda que é a primeira vez que enlazan dúas vitorias consecutivas en liga, non é a primeira vez que o conseguen na presente tempada. Na xornada 17 derrotaron ao Alxeciras e no partido seguinte eliminaron ao Tenerife da Copa do Rey aínda con Antonio Fernández no banco granate. Co mesmo preparador estiveron preto de conseguir este fito en máis dunha ocasión, pero nunca foron capaces de enlazar máis que un triunfo e dous empates. Unha serie de tres partidos sen perder que se viviu entre as xornadas 3 e 5 despois de vencer ao Talavera e empatar con Deportivo e Linense. Unha colleita similar á do mes de novembro, no que gañaron en Manresa na rolda preliminar da Copa do Rey, empataron contra o Fuenlabrada e derrotaron a domicilio ao Ceuta.
Un botín que non se parece en nada ao logrado nas dúas últimas xornadas, na que os de Señor, ademais de conseguir dúas vitorias, foron superiores aos seus rivais e claros dominadores de ambos os partidos.
Un cambio de dinámica que permitirá afrontar os próximos duelos (Raio Majadahonda e Córdoba) cun maior optimismo. Un cambio de mentalidade que tratou de inculcar Juan Señor aos seus xogadores desde a súa chegada a Pasarón e que, polo momento, parece que logrou.