O Pontevedra empeza a suar na pretempada

Pontevedra
22 de xullo 2024

O equipo granate ha iniciado este luns 22 de xullo os adestramentos cunha calorosa sesión na Xunqueira. Un primeiro día con sete caras novas no primeiro plantel, tamén nova roupa deportiva e seguido de preto polo recentemente chegado coordinador da secretaría técnica, Jacobo Maestre

Primeiro adestramento do Pontevedra CF 24/25
Primeiro adestramento do Pontevedra CF 24/25 / Mónica Patxot

O segundo campo do Complexo Deportivo Manolo Barreiro da Xunqueira foi escenario este luns 22 de xullo do inicio oficial de pretempada do Pontevedra Club de Fútbol.

Baixo un sol de xustiza, os 19 futbolistas do primeiro equipo granate (faltaba Borja Domínguez) que estaban citados xunto varios xogadores do filial e do xuvenil puxéronse ás ordes de Yago Iglesias.

Foi só unha primeira toma de contacto, xa que por diante quedan seis semanas de preparación ata a estrea ligueira, que serviu para coñecer ás sete caras novas do verán, os fichados Héctor Hernández, Javi Fontán, Iago Novo, Jesús Cambil, Xabi Domínguez, Rares Mezdrea e Igor Irazu.

Tamén foi a estrea do novo equipamento deportivo do equipo, da firma Kappa e que para o traballo diario dará protagonismo á cor celeste. Todo nunha sesión seguida de preto desde a banda polo recentemente nomeado coordinador da secretaría técnica do Pontevedra, Jacobo Maestre, acompañado nos instantes finais do adestramento polos conselleiros Juan Abal e Roberto Feáns.

A pretempada poñerase xa máis seria este martes, cunha dobre sesión que tamén se repetirá o mércores mirando xa cara ao primeiro amigable, o que supoñerá o vindeiro sábado día 27 de xullo (20.00 horas) a visita do RC Deportivo ao Estadio Municipal de Pasarón.

Despois desa cita "na segunda semana xa empezaremos a ter dous partidos por semana, mércores e sábado", recoñeceu Yago Iglesias na recente presentación de Maestre. Todo porque "o que buscamos é que os adestramentos sexan en base aos partidos. Vai ser unha pretempada cargada de partidos, queremos velos en competición", afirmou o técnico.