O mercado de fichaxes non fixo máis que comezar, pero o Pontevedra xa ten practicamente completo o seu plantel. Salvo que se produzan saídas de xogadores con contrato, o conxunto granate dispón só de cinco fichas libres para apontoar un plantel que aínda ten moitos postos sen dono.
As normas da competición en Segunda Federación permiten a inscrición dun máximo de 16 xogadores sénior e 6 de idade sub 23. Actualmente, en Pasarón están asignadas 13 fichas para maiores e 4 para mozos. Con todo non é descartable que se produza unha ou máis saídas.
Entre a lista de baixas anunciadas pola entidade faltaban os nomes dos sub 23 Víctor Casais, Valentín Jaichenco e Libasse Gueye. Tamén é previsible o regreso á disciplina do primeiro equipo de Oier Calvillo, que abandonou Pontevedra o pasado mercado de inverno cedido ao Calahorra despois de renovar o seu contrato.
Con todo, desde a dirección deportiva non confirmaron nin desmentiron polo momento a continuidade destes catro xogadores. Do mesmo xeito que tampouco se pronunciaron sobre o futuro de Bastos, Luís Martínez, Borja Domínguez, Yelko Pino, Álex González ou Rufo, cuxa continuidade se dá por segura ao ter contrato en vigor.
A esta nómina únense os fichados Edu Sousa, Mario Gómez, Eneko Zabaleta, Chiqui e Charly, así como a incorporación ao primeiro equipo do porteiro do filial en idade sub 23 Manu Vizoso.
Todos eles suman un total de 17 fichas asignadas co que a marxe co que traballan desde os despachos de Pasarón para construír un plantel competitivo para Yago Iglesias co que abordar o reto do ascenso é de cinco xogadores, tres sénior e dous sub 23.
Unha simple análise do plantel permite concluír que as maiores necesidades do primeiro equipo están no centro do campo. Para un hipotético esquema 1-4-3-3, Iglesias só contaría na sala de máquinas con dous mediocentros naturais. Por iso, é imprescindible acudir ao mercado para atopar un recambio para Miguel Román e un ou dous xogadores que compitan un posto cos citados mediocentros.
Na liña defensiva tamén hai buracos, sobre todo no flanco dereito. Bastos carece de recambio e en caso de ausencia de Eneko, el ou Álex González son os únicos xogadores que poderían ocupar o posto de lateral esquerdo, polo que a chegada dun lateral dereito adicional resulta tamén necesaria.
A terceira demarcación que precisa reforzos podería ser a de central, na que só hai tres especialistas. E o posto de dianteiro centro, con Rufo como máxima referencia ofensiva e con Casais e Charly como posibles complementos, tamén podería velo a dirección deportiva como unha posición para reforzar.
Con todo, é unha das posicións cubertas con maior efectivos a que ofrece máis dúbidas. Álex González e Chiqui teñen o seu posto no primeiro equipo asegurado, pero está por ver cal será o rol, se continúan no vestiario de Pasarón, dos extremos Calvillo, Gueye e Jaichenco.