Primeira oportunidade para comprobar as evolucións do novo Pontevedra Club de Fútbol adestrado por Yago Iglesias.
O conxunto pontevedrés desprazouse este sábado ata a localidade coruñesa de Arteixo para medirse ao Racing de Ferrol, recentemente ascendido a Segunda División. Era a primeira proba estival e quizais a máis esixente pola categoría do rival, máis rodado e con case dúas semanas máis de adestramentos ás súas costas.
Esa diferenza terminouse notando sobre o céspede, especialmente tras o descanso, pero antes os de Yago Iglesias deixaron motivos para a esperanza.
O primeiro once do técnico contaba con Edu Sousa en portería, Ángel Bastos, Mario Gómez, Garay e Zabaleta na liña defensiva, Samu Mayo e Yelko na medular, Valentín e Chiqui nas bandas ofensivas, Hugo Padín no enganche e Rufo na punta de ataque. Unha mestura de homes chamados a ser importantes, novidades e futbolistas do filial.
O duelo comezou con moito ritmo, a pesar de ser mes de xullo, e as ocasións non tardaron en aparecer para ambos os bandos sen que se chegase a materializar ningunha delas.
Foi así ata que no minuto 27 Rufo transformaba un penalti comentido sobre Valentín para adiantar o Pontevedra.
A vantaxe granate non aguantou ata o descanso, xa que nunha das últimas xogadas do primeiro acto Carlos Vicente remataba cruzado ao primeiro toque ao fondo da rede un certeiro centro desde o costado esquerdo para facer o empate.
Tras o paso por vestiarios o técnico do equipo pontevedrés puxo en liza un equipo practicamente novo para os segundos 45 minutos, no que só repetían Eneko Zabaleta e Garay (marcharían do campo no minuto 67 entrando no seu lugar Mario Constenla e Sergio Balea). Era momento de repartir minutos e entraron Manu Vizoso, Barbeiro, Churre, Charly, Álex González, Toño Calvo, Borja Domínguez, Víctor Casais e Iker Arango.
Os cambios non sentaron ben aos granates, que nun par de minutos viron como o seu rival, cunha marcha máis, completaba a remontada con dous rápidos goles de Iker Losada e Heber Pena.
Víctor Casais puido recortar distancias no minuto 58, pero o seu gol foi anulado por unha falta moi protestada polos granates, e pouco despois o que chegou foi o 4-1 ferrolán por medio de Jesús Bernal, cun disparo desde fóra da área.
O resultado completaríao Carlos Vicente no último minuto co definitivo 1-5.
Con ese resultado chegaríase ao final do encontro. A seguinte cita da pretempada será a prevista o vindeiro mércores 2 de agosto fronte ao Coruxo no Vao.