Baixo estrito silencio e segredo de sumario segue traballando o Pontevedra Club de Fútbol nos despachos do Estadio Municipal de Pasarón deseñando a próxima tempada deportiva.
O club granate, a pesar de ter pechado ou moi próximos os acordos de renovación cun bo número de futbolistas, non confirmou ningún movemento de xogadores. Tampouco das saídas de Mikel Arruabarrena, Pibe, Nacho Lorenzo e a máis que probable de Rubén Ualoloca, limitándose só nas últimas semanas a comunicar a renovación do técnico, Luismi.
Dáse así continuidade a unha política de silencio instaurada o último verán, na que se deu instrucións a todas as partes implicadas nas negociacións para mantelas en segredo.
Mentres iso sucede no que respecta a renovacións e fichaxes, avánzase noutro aspecto, a planificación da pretempada.
Do mesmo xeito que a pasada campaña, xa con Luismi ao cargo desde o inicio de curso, o corpo técnico está a elaborar un plan de traballo a cinco semanas (a sexta sería a previa ao debut) para tentar chegar nas mellores condicións posibles ao comezo da competición oficial.
Fixado o comezo da liga para o día 25 de agosto, tal e como aprobou a asemblea da Real Federación Española de Fútbol o pasado mes de abril, a data que baralla o Pontevedra para volver ao traballo é o luns 15 de xullo, e así llo fixeron saber aos xogadores que ten contrato en vigor (Edu Sousa, David Castro, Romay, Mouriño, Javi Pazos e Pedro Vázquez).
Desde ese momento empezará a conta atrás na posta a punto do equipo, unha fase na que a teor do que defende Luismi e o seu corpo técnico non se incluirán dobres sesións, ao apostar adestramentos máis curtos e intensos pensando na prevención de lesións.
Paralelamente trabállase en pechar os encontros de preparación. Neste aspecto a intención é que os compromisos inclúan un ou dous partidos no Estadio Municipal Pasarón ante equipos de superior categoría que se completarán con outros amigables ou torneos repartidos ao longo das 5 semanas de preparación.