O Pontevedra denuncia o Mensajero por aliñación indebida pero a Federación desestima a reclamación

Pontevedra
03 de xuño 2015
Actualizado: 22:20

A eliminatoria polo ascenso entre Pontevedra e Mensajero, finalizada nos terreos de xogo con ascenso do equipo canario, seguiu aberta nos despachos ao transcender que o club granate presentou denuncia ante o Comité de Competición por aliñación indebida en ambos os dous partidos de play-off do xogador tinerfeño Natanael. A Federación dá por zanxado o asunto

Natanael ante Kevin Presa no partido entre Pontevedra e Mensajero en Pasarón Diego Torrado

A eliminatoria polo ascenso entre Pontevedra e Mensajero, finalizada nos terreos de xogo con ascenso do equipo canario, segue aberta nos despachos ao transcender que o club granate presentou denuncia ante o Comité de Competición por aliñación indebida en ambos os dous partidos de play-off do xogador tinerfeño Natanael.

O dianteiro, que luciu nos dous partidos o número número 7 do equipo insular, foi fichado polo Mensajero o 19 de maio, xusto ao día seguinte de realizarse o sorteo que emparellou ao club de La Palma co Pontevedra. Chegaba procedente do Fuenlabrada e a súa ficha foi tramitada aproveitando a baixa de longa duración que o Mensajero alegou ante a Federación para poder incorporar un novo xogador fóra dos prazos regulamentarios previstos para todos os clubs.

Fontes do Consello de Administración do Pontevedra consultadas por PontevedraViva recoñeceron que o club granate estaba a realizar indagacións sobre a incorporación de Natanael xa dende o partido de ida disputado en La Palma, pero non se manifestaron sobre a presentación da denuncia.

Non obstante, postos en contacto co presidente canario, Víctor Francisco, non tivo inconveniente en admitir que recibira a correspondente notificación desa denuncia: "La Federación nos ha trasladado la denuncia del Pontevedra -dixo- por haber alineado a Natanael en los partidos que jugamos, para que presentemos las alegaciones a la misma que consideremos oportunas".

O presidente do Mensajero manifestou non ter ningún temor ao respecto sobre unha posible sanción que os privase do ascenso conseguido o pasado domingo en Pasarón: "Nosotros tramitamos ante la Federación la petición de baja federativa de nuestro jugador David Hernández, lesionado creo recordar a mediados de febrero pasado, para poder dar de alta a Natanael. Nos la han concedido. Tenemos la autorización federativa y el alta del jugador, por lo que estamos muy tranquilos y confiados en que nadie nos va a privar de un ascenso que hemos conseguido en el campo".

Consultadas igualmente distintas fontes federativas sobre a cuestión, o hermetismo é absoluto ata o punto de non recoñecer sequera cando podería haber resolución da denuncia do Pontevedra, ou se esta podería provocar o aprazamento da eliminatoria contra o Manzanares, a disputar o próximo sábado. Non obstante, sempre sen recoñecer a existencia da denuncia, si admiten que este tipo de denuncias adoita resolverse con celeridade, moi posiblemente este mesmo xoves.

A FEDERACIÓN DESESTIMA A RECLAMACIÓN

Tras coñecer o expediente aberto, o conxunto canario achegou a documentación que xustificaba a lesión do seu xogador e a autorización para fichar, documentación que este mércores avalou o Comité de Competición da Real Federación Española de Fútbol acordando desestimar a denuncia presentada polo Pontevedra.

En concreto, preto das nove da noite e tras esta decisión federativa, o Pontevedra CF explicou que a reclamación se fundamentaba na incorporación de Natanael Barreto á disciplina do Mensajero "fóra do prazo de inscrición para facelo" e ante a "aparente" lesión de longa duración de David Hernández, xogado ao que veu a suplir.

O club granate sinala que o devandito xogador, incorporado no mercado invernal, "non chegou a disputar sequera un minuto de competición oficial co Mensajero", o que leva á entidade pontevedresa a entender que "cumpriu un determinado papel, consistente única e exclusivamente de necesario soporte para que o Mensajero puidese incorporar un último reforzo de cara á disputa do playoff".

Neste sentido, o Pontevedra, alegando un presunto uso fraudulento da excepcionalidade de poder fichar fóra do prazo establecido, solicitou á Federación o expediente completo de ambas as dúas licenzas e do historial federativo de David Hernández, unha declaración súa sobre a súa actividade como xogador e a súa relación de parentesco con algún membro do equipo técnico e toda a documentación relativa á súa baixa.

A decisión federativa, segundo a entidade que preside Lupe Murillo, non facilita a información solicitada polo que nos próximos días o Consello de Administración do Pontevedra CF estudará se continúa coas accións legais oportunas para defender os seus dereitos.