O Pontevedra buscará en Luanco "ser unha mellor versión que as xornadas anteriores"

Pontevedra
10 de novembro 2023

Para a visita ao Marino de Luanco Yago Iglesias xa poderá contar con Borja Domínguez, que "ten moitas posibilidades de entrar en convocatoria". Con todo, advirte Iglesias que hai que esperar a mañá para ver como se atopa o xogador, pero o máis seguro é que xa conte con minutos esta xornada  

Yago Iglesias, no partido de liga entre Pontevedra CF e Rayo Cantabria en Pasarón Cristina Saiz

O Pontevedra Club de Fútbol quere esquecer os dous últimos empates e regresar á senda da vitoria visitando ao Marino de Luanco (domingo 12, 17:00 horas), un equipo que a pesar de estar situado na praza 12 con 11 puntos poñeralle as cousas difíciles aos granates.

Yago Iglesias chega con confianza e con ganas de sumar de tres, especialmente despois do encontro ante o Rayo Cantabria no que, segundo as estatísticas, "é o partido que máis veces tiramos, no que menos nos tiraron e curiosamente é o único no que non marcamos".

"Traballamos esta semana e insistido nesa faceta", asegura o técnico, "hai marxe de mellora e imos a Marino sabendo a dificultade". De feito, pon especial atención no rival, que leva xa varias tempadas na categoría facendo "moi boas campañas e facéndose moi fortes en casa", especialmente grazas á xente de alí, "que anima moito e apertan".

Iglesias espérase un Marino "que siga na liña que o que habitualmente está a facer. Ten xogadores de bo pé por dentro e saca moito rédito a balón parado. Levan a pelota rápido a inmediacións da área contraria e temos que estar moi atentos". É por iso que non cre "que varien demasiado, véndoos nas xornadas anteriores vemos unha liña continuista, non é o típico equipo que tendo en conta con quen xogue véxaslle demasiados cambios".

Neste sentido, o adestrador recoñece que "moitas veces os equipos cambian" cando xogan contra o Pontevedra, por iso buscan "ser nós mesmos adaptándonos ás circunstancias que nos podamos atopar" sendo "unha mellor versión que as xornadas anteriores".

Para a visita ao Marino de Luanco Yago Iglesias xa poderá contar con Borja Domínguez, que "ten moitas posibilidades de entrar en convocatoria". Con todo, advirte Iglesias que hai que esperar a mañá para ver como se atopa o xogador, pero o máis seguro é que xa conte con minutos esta xornada.

Ademais, Iglesias adiantou que Víctor Casáis xa adestrou co grupo toda a semana e, aínda que vai a un pelín máis baixo, ten "moi boas sensacións e oxalá estea en dúas semanas".