O duelo de filiais entre Polvorín e Pontevedra B caeu en terras lucenses grazas ao gol de Pablo Fernández aos 62 minutos de xogo.
Os de Jesús Ramos fixeron os deberes á hora de defender o balón parado e gozaron de numerosas ocasións para abrir a lata, en especial con centros laterais que non obtiveron a súa recompensa.
Precisamente a primeira chegada perigosa foi para o cadro granate cun envío desde a dereita de Pacheco que Fabio cabeceou por fóra por moi pouco. A Polvorín, pola súa banda, respondeu cunha falta directa que detivo sen problemas Carlos García.
Na segunda metade os primeiros en avisar foron os locais tras aproveitar un erro en defensa do Pontevedra B. Pablo Martínez colgou o balón como puido en área granate e Edu Taboada gañou a partida para meter o pé o xusto e obrigar ao gardameta visitante a intervir.
Avisou despois Anwar desde tres cuartos de campo cun potente disparo que se foi por fóra, pero na seguinte chegada non perdoaron. Corría o minuto 62, sacou de banda o filial do Lugo, que fixo unha boa combinación en banda esquerda con Mario Gómez como protagonista, que correu a banda ata o fondo para sacar un centro cara atrás desde onde Pablo, de primeiras, xutou para bater a Carlos García.
O gol sentou como un xerro de auga fría aos granates, que aínda que tentaron devolver o empate ao marcador foron incapaces de chegar con perigo a porta rival e regresar a Pontevedra sen premio.