O Pontevedra CF foi incapaz de pasar do empate ante Unionistas de Salamanca nun partido no que foi dono do balón desde o minuto uno e sen dúbida mereceu máis. Charles adiantou aos seus desde o punto de penalti, pero un erro defensivo nun saque de banda en contra castigouno o equipo visitante co gol de empate. En función do que pase este domingo cos resultados dos rivais, o descenso podería ser matemático para os granates.
Saíu disposto a dominar o encontro o equipo de Juan Señor, facéndose dono do balón sen ceder en ningún aspecto e querendo ser protagonista. Cos laterais abertos buscando en profundidade e cunha boa presión tras perda cando Unionistas recuperaba o balón, Pasarón estaba a vivir uns primeiros minutos realmente esperanzadores aínda que sen ocasións de gol. Só Ángel Bastos no minuto dous conseguía sacar un disparo que se ía demasiado frouxo por fóra dos tres paus.
Estaba a dar unha imaxe seria pero non acababa de tomar vantaxe no marcador o cadro granate, que protagonizaba no minuto 25 a ocasión máis clara da tarde. Borja Domínguez enviou un balón filtrado ás costas da defensa, Álex González recibiu pero quedou sen ángulo e estrelou o balón no corpo de Salva, que tapou ben o disparo do capitán.
Acto seguido respondeu Unionistas na que foi a súa primeira chegada a área de Cacharrón. Nun desaxuste defensivo do Pontevedra, Fran Rodríguez recibiu na media lúa completamente só e xutou desviado por moi pouco.
Estaba a activarse o equipo visitante co paso dos minutos á vez que crecían os nervios entre os xogadores granates, que reclamaban unha man ao bordo da área coa que a defensa amarela cortaba unha xogada prometedora e que o colexiado non pitaba.
Charles tamén o tentaba cun disparo que se ía fóra, e pouco despois Álex González poñía a proba a Salva cun lanzamento afastado que obrigaba ao gardameta para intervir.
Finalizou a primeira metade co ambiente caldeado, Álex González recibindo ata no carné de identidade e o cadro arbitral facendo a vista gorda, pero amoestando con tarxeta amarela a Miguel Román por protestar un saque de porta.
Na segunda metade cambiou o guion e Unionistas avisou nada máis saír dos vestiarios cun disparo de Beneit desde tres cuartos de campo que Cacharrón atallaba. Pouco despois tentouno Borja Domínguez cunha falta preto da área e, no minuto 58, os granates atoparon o gol. Yelko enviou un pase filtrado a Brais Abelenda, Salva derrubouno dentro da área e o colexiado esta vez non dubidou en pitar a pena máxima. Charles foi o encargado de tiralo e enchufó o esférico enganando completamente ao gardameta para subir o 1-0 ao marcador. Era o gol da esperanza.
Moveu ficha Dani Ponz para reverter a situación dos seus, que non atopaban a forma de facer dano a un Pontevedra que seguía dominando pero que necesitaba ampliar a vantaxe para conseguir certa tranquilidade.
Quedaba un cuarto de hora por disputarse e foi Señor nesta ocasión o que meteu pernas frescas no verde, dando entrada a Masogo e Alberto Rubio en lugar de Yelko e Brais Abelenda. Con todo, nun erro defensivo garrafal, Unionistas igualou o encontro. Saque de banda colgado dentro da área, o esférico botou na pequena e Christian Santos xutou potente para facer o 1-1.
O resultado non lle valía nin a uns nin a outros, uns para conseguir a permanencia e outros para meterse no play-off de ascenso e buscaron por todos os medios a reacción con máis corazón que cabeza. Alcanzáronse os últimos minutos nos que o partido rompeu, Álex González tentouno desde fóra da área e Salva detivo en dous tempos, enviando o encontro ao seu final cun amargo empate.
PONTEVEDRA CF (1): Cacharrón, Ángel Bastos, Samu Araújo, Churre, Miguel Román, Álex González, Brais Abelenda (Masogo, min. 76), Yelko (Alberto Rubio, min. 76), Derik, Charles (Rufo, min. 58) e Borja Domínguez.
UNIONISTAS DE SALAMANCA (1): Salva, Fran Rodríguez, Jon Rojo (Marcos Bravo, min. 81), Ramiro, Nespral (Unai Veiga, min. 70), Christian Santos, Juanpa (Neskes, min. 81), Borja (Miguel Carro, min. 55), Leal, Chapela e Beneit (De La Nava, min. 70).
Goles: 1-0, Charles (p.), min. 57. 1-1, Christian Santos, min. 78.
Incidencias: Partido da xornada 36 de liga en Primeira RFEF disputado no Estadio Municipal de Pasarón ante 2.000 espectadores. Realizou o saque de honra Cristian Fernández, campión do Mundo de acuatlón; no minuto 18 a afección granate homenaxeou a Charles; e no descanso saltou ao terreo de xogo o plantel do filial granate, que conseguiu a pasada fin de semana o ascenso a Terceira RFEF.