O Pontevedra ante un dos seus peores pesadelos dos últimos anos, o Rácing Villalbés

Pontevedra
21 de febreiro 2015

Nos sete últimos enfrontamentos entre ambos os dous, o Pontevedra tan só puido vencer no xa afastado 20 de novembro de 2011. Fíxoo en Pasarón, por 2-0. Dende entón, catro derrotas (dúas delas no feudo granate) e outros dous empates (ambos os dous na Madalena) na tempada actual e na anterior

Adestramento baixo a chuvia do Pontevedra na Xunqueira PontevedraViva

Non é precisamente o Rácing Villalbés o rival preferido polo Pontevedra. Aínda que a historia dos enfrontamentos entre ambos os dous conxuntos non é demasiado extensa, o certo é que os números son claramente favorables ao equipo lucense, que se converteu, tras o Deportivo B, no peor pesadelo dos granates.

Tanto é así que nos sete últimos enfrontamentos entre ambos os dous, o Pontevedra tan só puido vencer no xa afastado 20 de novembro de 2011. Fíxoo en Pasarón, por 2-0. Dende entón, catro derrotas (dúas delas no feudo granate) e outros dous empates (ambos os dous na Madalena) na tempada actual e na anterior.

Claro que as estatísticas en fútbol están para romper. Niso confían os granates, que afrontarán un partido complicado o domingo (17:00 horas, en Pasarón), pero conscientes de que se o sacan adiante terán dado un paso de xigante cara ao título, especialmente se se ten en conta que seguidamente entrarán na fase máis benévola, en teoría, do calendario.

O partido será dirixido polo colexiado David Iglesias Melón (Vigo), auxiliado nas bandas por Daniel Álvarez Domínguez e Eduardo Rivero Gores, un árbitro de non demasiado grato recordo para os granates, que na pasada tempada sufriron dúas actuacións súas das que saíron clara e gravemente prexudicados, en Pasarón contra o Deportivo B, e no Cerceda-Pontevedra, aínda que esta mesma tempada dirixiu con sorte contraria o partido inaugural en Ordes, no que os pontevedreses se alzaron co triunfo. Iso si, cun denominador común na maioría dos partidos que dirixe, como é a facilidade para sacar tarxetas.

Capi, Campillo e Pedro García son baixas nos granates. Luisito convocou os 18 xogadores restantes

Nos granates, finalmente nin Capi nin Campillo poderán xogar. A prudencia aconsella reservar a ambos os dous centrais, o primeiro tras retroceder na súa recuperación, e o segundo para non forzar e evitar un contratempo que o afaste dos terreos por unha longa tempada, o que significa que o técnico local deba recompoñer a súa liña defensiva nun partido tan comprometido.

Ausentes polo tantan Capi e Campillo, ademais de Pedro García, por lesión, Luisito decidiu deixar os descartes ata encontrarse nos vestiarios de Pasarón, antes do inicio do choque, convocando os 18 xogadores dispoñibles, que son: Edu, Lloves, Adrián, Rubén Lobato, Pablo, Bruno, Kevin Presa, Tubo, Álvaro Muñiz, Pablo Carnero, Mouriño, Jacobo, Tomás, Anxo, Miguel Centrón, Jorge, Fran Fandiño e Benja.