O Pontevedra aférrase á cláusula de rescisión ante o interese por Miguel Román

Pontevedra
08 de agosto 2022

O club granate recibiu a chamada de dous clubs interesados no prometedor centrocampista, pero non atendeu polo momento a negociación remitíndose á cláusula de rescisión do seu contrato, que ascende a un millón de euros

Miguel Román, nun adestramento do Pontevedra no Estadio Municipal de Pasarón Mónica Patxot

Todos os focos no Pontevedra Club de Fútbol miran nos últimos días cara a Miguel Román.

O centrocampista granate, de aínda 19 anos, chamou a atención de moitos clubs a pasada campaña como unha das auténticas revelacións do equipo granate que ascendeu a Primeira RFEF, un interese que non fixo máis que crecer esta pretemporada ante as súas últimas actuacións, en especial a ofrecida o pasado sábado en Baltar no duelo fronte ao Celta B, no que marcou un bonito gol.

Cun ano máis de contrato en vigor en Pasarón, nas últimas datas o club granate recibiu o interese concreto de dúas entidades de superior categoría para levar a Román. Un deles chegou a materializar unha oferta, que non foi tida en conta polo Pontevedra.

A intención na casa granate segue sendo a de manter nas súas filas ao '5', chamado a ser importante este ano no seu proxecto en Primeira RFEF, unha categoría que supón un paso adiante tamén para o xogador a nivel deportivo e que pode permitirlle continuar coa súa meteórica progresión.

De feito, desde as oficinas do Estadio Municipal de Pasarón remítense polo momento á cláusula de rescisión que figura no seu contrato, e que ascende a un millón de euros.

Iso non significa que Miguel Román termine facendo as maletas, pero para que o club pontevedrés se abra a negociar a súa saída a pouco máis de dúas semanas par que empece a liga a oferta terá que ser elevada, aínda sabendo de que o próximo verán o futbolista de Gondomar será libre para asinar con outro club, e tendo en conta que o Pontevedra debería investir parte dese traspaso en atopar un substituto de garantías.

Todo iso salvo que o equipo que decida acometer a súa fichaxe se abrise á súa continuidade na Boa Vila en calidade de cedido para a próxima tempada, unha posibilidade que achegaría unha inminente venda.