O Pontevedra, á cola en instalacións para adestrar na Primeira RFEF

Pontevedra
12 de agosto 2022

Contar cunha cidade deportiva propia é unha vella aspiración do Pontevedra Club de Fútbol, un soño que cobra máis importancia se cabe vendo aos seus rivais a próxima tempada na Primeira RFEF, na que moitos dos equipos contan con campos de adestramento de herba natural á súa disposición. No caso granate, os campos de Xeve e Poio, de céspede artificial, centran as sesións de preparación para preservar no posible Pasarón

Adestramento do Pontevedra en Poio PontevedraViva

Contar cunha cidade deportiva propia é unha vella aspiración do Pontevedra Club de Fútbol, un soño que cobra máis importancia se cabe vendo aos seus rivais a próxima tempada na Primeira RFEF, e é que os granates quedaron á cola no que a instalacións se refire.

Máis aló do Estadio Municipal de Pasarón, o club pontevedrés carece de campo propio para adestrar, e o que é máis importante, non ten acceso a unha instalación de céspede natural para poder exercitarse con regularidade, o que sería ideal para a calidade dos seus adestramentos e para previr lesións entre os seus futbolistas.

O caso do Pontevedra, que durante a pretempada centrou a súa actividade nos campos de Xeve e Poio (ambos os artificiais), non é único na terceira categoría do fútbol nacional pero si lle coloca no vagón de cola.

Ata 10 dos 20 equipos do grupo contan cun campo de herba natural á súa disposición, mentres que entre os que non o teñen aparecen parches como o do Badajoz desprazándose dous ou tres veces por semana á próxima localidade portuguesa de Elvas ou o da Balompédica Linense, que estableceu a súa sede esta pretemporada no Marbella Football Center.

Entre os galegos de feito o Pontevedra é o único que centra a súa preparación en campos artificiais. Así o Racing de Ferrol, aínda que con queixas habituais polo mal estado do anexo da Malata, conta cun campo de dimensións algo máis reducidas do habuitual (93x58,5) pero de herba natural, mentres que o Celta B exercítase entre as cidades deportivas da Madroa e Afouteza (Mos). Caso aparte é un Deportivo que conta en Abegondo cunhas instalacións de 'Champions', con ata 7 campos de céspede natural de medidas similares ás de Riazor.

O resto de equipos que teñen a 'sorte' de poder traballar a diario sobre céspede natural atópanse o Mérida, Alcorcón, Algeciras, Córdoba, Cultural Leonesa, Real Madrid Castilla e San Fernando, este último nun caso curioso ao poder facelo grazas a un acordo coa Armada para utilizar as súas instalacións.

Pola contra á cola e condenados a campos sintéticos están, ademais do Pontevedra, o Linares, Rayo Majadahonda, UD Sanse, Unionistas, Fuenlabrada e Ceuta, ademais dun DUX Internacional de Madrid que segue xerando moitas dúbidas.