O Pontevedra 20/21 ponse en marcha

Pontevedra
24 de agosto 2020

Máis de cinco meses despois do último adestramento do equipo, o primeiro plantel granate foi citado este luns no Estadio Municipal de Pasarón para unha primeira toma de contacto, aínda que o traballo oficial comezará este martes 25 de agosto

Jesús Ramos, durante un adestramento do Pontevedra Cristina Saiz

Foi unha longa espera que ao fin concluíu. O Pontevedra Club de Fútbol retoma esta semana a actividade deportiva máis de cinco meses despois do seu último adestramento colectivo.

O primeiro plantel granate foi citado este luns no Estadio Municipal de Pasarón para unha primeira toma de contacto entre xogadores e corpo técnico.

Trátase dunha xornada na que se repartirá o material deportivo aos futbolistas e explicaránselles os protocolos desenvolvidos debido á pandemia de Covid-19. 

Os adestramentos propiamente ditos non comezarán ata este martes nunha pretempada que se pon en marcha aínda sen coñecer cando se iniciará a liga na Segunda División B nin cal será a composición dos grupos de competición.

A esta primeira xornada foron citados 25 futbolistas, os 18 que compoñen polo momento o primeiro plantel máis sete canteiráns. Desta forma Jesús Ramos contará cos porteiros Mario Fernández e Álvaro Cortés; os defensores Churre, Pol Bueso, Santi Figueroa, Aitor Núñez, Zabaleta e Naveira; os centrocampistas Adrián Cruz, Romay, Imanol e Borja Martínez; os extremos Álex González, Jorge Fernández, Oier Calvillo e Óscar Fernández; e os dianteiros Charles e Rufo. A eles súmanse desde as categorías inferiores Pacheco, Diego Dadín, Pablo López, David Veiga, Martín Diz, Vilariño e Iñaki.