O Poio Pescamar, xuíz na carreira pola permanencia; e o Marín, polo título

Marín
29 de abril 2022

As vermellas visitan este sábado ás 20 horas ao Rayo Majadahonda, mentres que o Marín recibe ás 17 horas ao Burela

Inñes Mayán, no partido entre Marín Futsal e Móstoles

A Primeira División do fútbol sala feminino está na súa recta final e todos os equipos apuran as súas opcións para conseguir os seus obxectivos. Neste contexto, tanto Poio como Marín, que teñen encarriladas as súas aspiracións, serán xuíces na carreira doutros equipos por conseguir as súas metas.

Así, as vermellas, asentadas nunha cómoda terceira posición e cun colchón de tres puntos sobre o quinto, visitan este sábado ás 20 horas ao Rayo Majadahonda, que está inmerso na loita pola permanencia, polo que as de Manu Cossío terán que empregarse a fondo para regresar a Galicia con tres puntos que deixarían case asegurada a presenza das conserveiras na final a catro polo título.

Unha final na que estará con total seguridade o Burela, que ás 17 horas deste sábado, visita o pavillón da Raña para medirse ao Marín Futsal. Será un duelo moi desigual. Non só polas diferenzas clasificatorias, orzamentarias e de persoais que existe entre ambos os conxuntos, senón porque as locais, coa permanencia xa conseguida, teñen un elevado número de baixas.

Non poderá contar Raúl Jiménez con Gaby, nin con Inés, nin con Mar Fernández. E Silvia Aguete será dúbida ata última hora. Aínda así, as marinenses non se renden e poñerán toda a súa ambición e xogo para dar a sorpresa ante un dos favoritos para facerse co título, e que precisa os tres puntos para que o Atlético Navalcarnero non de distancie aínda máis no liderado.