O Poio Pescamar supera con esforzo a primeira rolda de Copa ao vencer o Valdetires (1-2)

Poio
24 de decembro 2020

O conxunto vermello, só uns días despois de lograr o subcampeonato copeiro de 2020, tivo que suar en Ferrol para eliminar da competición ao actual líder do Grupo 1-A de a Segunda División, e estará no bombo dos oitavos de final do torneo do K.O.

Partido entre o Poio Pescamar e o Penya Esplugués no Príncipe Felipe Cristina Saiz

Só uns días despois de pechar a súa participación na Copa da Raíña 2020, perdendo nunha axustada final fronte ao Burela, o Poio Pescamar deu o primeiro paso para repetir presenza na fase final polo título copeiro en 2021.

O conxunto conserveiro, antes dunhas merecidas vacacións do Nadal, desprazouse a Ferrol para medirse ao Valdetires na última das eliminatorias pendentes da primeira rolda de Copa desta campaña.

As vermellas non fallaron na súa visita ao actual líder do Grupo 1-A de a Segunda División, pero tiveron que suar ante un correúdo rival, e non decantaron o marcador ao seu favor ata os instantes finais.

Pode que polo esforzo da fin de semana, pero o certo é que os minutos iniciais non gustaron a Manu Cossío, que con 4 minutos xogados e tras dúas intervencións de Silvia para atallar senllas oportunidades locais pediu tempo morto para axustar ao seu equipo.

A partir de aí o Poio amornouse e fíxose co dominio absoluto do xogo ante un Valdetires pechado en cuarto de campo propio defendéndose con orde. Aínda así as ocasións escaseaban ata que a pouco do descanso Antía Pérez conectou un bo disparo coa zurda desde 10 metros que se foi á madeira. O rexeite aproveitouno Irene para marcar, pero os colexiados non lle deron validez sinalando man.

Esta acción espertou definitivamente ás pontevedresas, que gozaron sen fortuna de varias oportunidades antes do descanso.

O exercicio de resistencia ferrolán continuou no segundo acto, ata que no minuto 27 Irene meteu a punteira para desviar un disparo de Antía para facer o 0-1. A alegría durou pouco, e é que na seguinte acción o Valdetires aproveitou un polémico libre indirecto para empatar por medio de Ery.

Con todo igualado de novo volveuse ao mesmo guión, só que o cansazo empezaba a pesar nas locais. Luci probouno de lonxe no 33 atopándose coa  cruceta, e a mesma futbolista vermella atopou premio a algo máis de dous minutos para o final, nun tiro cruzado desde o costado zurdo ante o que nada puido facer a gardameta ferrolá Andrea,  artícife ata entón da igualada.

O Valdetires estirouse xogando de cinco en busca dun milagre no pouco tempo que quedaba, pero as xogadoras de Manu Cossío non pasaron apuros. 

Superado o trámite o Poio Pescamar estará o vindeiro luns 28 de decembro no bombo do sorteo de oitavos de final da competición, no que tamén estará o Marín Futsal.