O Poio Pescamar sufriu este sábado a boa pegada do Atlético Navalcarnero e caeu por 3-0 na segunda xornada de Primeira División.
Golpearon moi pronto as madrileñas cun gol de Irene Córdoba, que disparou desde fóra da área un balón solto que enchufou na portería de Elena.
O Poio, moi metido no partido, estivo a piques de empatar aos seis minutos, pero foi Vane Sotelo a que, pouco despois, puxo máis terra polo medio anotando o segundo tanto do Navalcarnero.
As ocasións fóronse sucedendo para ambas as escuadras, pero as conserveiras eran incapaces de bater a un Atleti, que con moita fortuna facía o terceiro gol. Foi a xogadora vermella Martita a que, tras unha falta botada por Ame Romero, desviou o esférico á súa portería e fixo o 3-0.
Despois do intermedio, o cadro local tentou manter o dominio, mentres o Poio confiaba na súa presión alta para atopar o primeiro gol de partido, que puido chegar con Laura Uña tras un man a man ante Balbuena.
Pero o paso dos minutos fixo efecto nas visitantes, que se vían obrigadas a recorrer ao xogo de cinco con Luci como porteira xogadora a falta de cinco minutos para final.
Gozaron as conserveiras dunha gran ocasión de Dupuy coa que puideron anotar, pero a gardameta madrileña, moi enchufada en todo momento, frustrou todos os intentos dun Poio que o tentou sen fortuna.
ATLÉTICO NAVALCARNERO (3): Belén; Lora, Irene Córdoba, María Sanz e Ame Romero (quinteto inicial). Tamén xogaron, Ju Delgado, Anita Luján, Vane Sotelo, Laura Córdoba e Marta Balbuena (segunda porteira).
POIO PESCAMAR (0): Elena; Anna Escribano, Marta Peñalver, Dani Sousa e Martita (cinco inicial). Tamén xogaron, Irene García, Rocío Gómez, Laura Uña, Luci, Elena Aragón, Dupuy e Sandra Buzón (segunda porteira).
Goles: 1-0, min. 1 Irene Córdoba. 2-0, min. 8 Vane Sotelo. 3-0, min. 16 Martita (propia porta).
Incidencias: La Estación. Colexiados, Mayo López e Panadero Díaz-Concha. Amoestaron a Ame Romero no Futsi At. Navalcanero e Anna Escribano e Irene García, no Poio Pescamar.