O Poio Pescamar recibirá ao Ourense Envialia nos oitavos de final da Copa da Raíña e o Marín Futsal, ao Burela

Marín
28 de decembro 2020
Actualizado: 29 de decembro

A Supercopa de España, que enfrontará a Burela e Poio Pescamar, disputarase o 9 de xaneiro na localidade lucense

Sorteo dos oitavos de final da Copa da Raíña de Fútbol Sala 2020/2021 RFEF

A Real Federación Española de Fútbol sorteou este luns os emparellamentos para a próxima rolda dos torneos de copa tanto masculinos como femininosdo fútbol sala

Nun bombo no que estaban os catro equipos galegos clasificados para os oitavos de final da Copa da Raíña para evitar aos participantes ter que facer longas viaxes, a fortuna deparou un cruzamento entre o Poio Pescamar e o Ourense Envialia, mentres que o Marín Futsal recibirá ás vixentes campioas: o Burela.

As eliminatorias resolveranse a partido único e os dous conxuntos da provincia de Pontevedra exercerán como locais. A data proposta pola RFEF para a disputa destas eliminatorias era inicialmente o 9 e 10 de febreiro, aínda que finalmente todas as partes implicadas acordaron celebralas entre o 4 e o 8 de xaneiro nun horario aínda por determinar.

Doutra banda, durante a cerimonia do sorteo anunciouse tamén a data e lugar na que se disputará a Supercopa de España. "O próximo 9 de xaneiro, en Burela, vai celebrar a Supercopa de España", confirmou a seleccionadora nacional Claudia Pons, o partido que medirá ás dúas últimas finalistas da Copa: Burela e Poio Pescamar.