O Poio Pescamar recibe 10.700 euros para loitar contra a violencia machista

Poio
17 de novembro 2020

O plan de patrocinio subscrito coa Consellería de Traballo e Igualdade inclúe tamén a celebración dun partido, que será o 12 de decembro na Seca, dedicado a fomentar valores como a tolerancia, a igualdade e a condenar a violencia contra a muller

Un partido entre Poio Pescamar e Cidade das Burgas na Seca (Arquivo) Cristina Saiz

Representantes dos equipos galegos de competicións femininas de máximo nivel mantiveron este luns un encontro coa conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana; e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa; no que repasaron os termos do primeiro plan de patrocinio de nove equipos, entre eles o Poio Pescamar, para o fomento da tolerancia, a igualdade e a loita contra a violencia cara á muller.

Acompañaron ao cadro vermello, membros do Ensino de Lugo, Balonmán Porriño, Atlético Guardés, Deportivo de la Coruña, Ourense CF, CD Burela, Cidade de As Burgas, Club de Arquitectura Técnica.

"Os equipos femininos e todas e cada unha das xogadoras que os conformades sodes as mellores embaixadoras posibles dos valores que defende á comunidade galega. Sodes as nosas referentes á hora de poñer en valor a importancia do deporte como medio de fomento da actividade física saudable, como medio de socialización e cohesión social e como ferramenta de loita pola tolerancia, a igualdade e a non violencia de xénero no deporte e, na vida", declarou a conselleira.

Este plan de patrocinio está dotado con 150.000 euros para todos os clubs (uns 13.000 euros por entidad) e forma parte do pacto de Estado contra a violencia de xénero. Os beneficiarios, ademais de incorporar os logotipos corporativos nas competicións nas que participan, deben tamén levar a cabo un partido dedicado á loita en favor destes valores. No caso do Poio Pescamar, esta cita está prevista para o 12 de decembro.

"Non hai mellores referentes para os nosos nenos e nenas que lles digades o importante que é loitar contra a violencia de xénero e a favor da igualdade efectiva entre mulleres e homes, transmitíndolles valores tan importantes como os da tolerancia, a igualdade e a non violencia", engadiu o secretario xeral Lete Lasa.