O Poio Pescamar queda ás portas de disputar o play-off polo título tras a derrota ante Alcorcón (1-3)

Poio
29 de maio 2021

O Poio Pescamar queda ás portas de entrar no play-off polo título de liga tras caer na Seca ante o Alcorcón nun partido moi intenso marcado polas intervencións das gardametas  

Dani Sousa, no partido entre o Poio Pescamar e Alcorcón na Seca Cristina Saiz

O Poio Pescamar queda ás portas de entrar no play-off polo título de liga tras caer na Seca ante o Alcorcón nun partido moi intenso marcado polas intervencións das gardametas.

Sufriu moito o Poio Pescamar, obrigado a remar ao contraxeito desde o minuto dous, cando o Alcorcón adiantouse cun gol de Aída de Miguel, asistida de maneira maxistral por Vane Sotelo, que quedou soa no á esquerda e deulle un pase da morte para que só empuxase á rede.

Co 0-1 aumentou o ritmo do partido. Respondeu o Poio cunha dobre ocasión que impediu Estela e, acto seguido, Clau López quedou soa ante Silvia, cedeu a Irene e esta estrelou o esférico no poste.

Aos poucos foise impoñendo o equipo conserveiro, que empezaba a merecer o gol. Sobre todo co disparo de Mirian cando se alcanzaba o minuto 8 de xogo, pero o balón deu na madeira. Dous minutos despois, o cadro arbitral pediu cesión na área visitante e Manu Cossío parou o tempo para aproveitar a ocasión, que acabou en saque de esquina.

As gardametas estaban a ser as protagonistas do encontro. Silvia salvaba ao Poio do segundo gol parando o disparo de Vane Sotelo e Ronsel evitaba o empate facendo o propio co tiro de Dani Sousa, mantendo o 0-1 co que se alcanzou o descanso.

Aos tres minutos do segundo tempo, Alcorcón ampliou a súa renda co tanto de Nerea Moldes. De novo a ourensá Vane Sotelo, gañaba liña de fondo pola súa banda e servía en bandexa desde onde a outra galega anotaba o 0-2.

Aínda quedaba tempo para moito, ou iso parecía. Con todo, a esperanza do Poio Pescamar desvaneceuse ao momento. Pepa marcou o terceiro das madrileñas a pase de Irene Samper desde banda dereita, deixando tocado ao equipo conserveiro, que necesitaba, como mínimo, un empate para meterse na última fase da loita polo título.

A seis do final, Dani Sousa reduciu diferenzas tras rematar desde a frontal da área, mentres Manu Cossío colocaba por momentos a Irene García como porteira xogadora e aproveitar a superioridade numérica.

Tiveron as vermellas unha ocasión clara no tramo final cun remate de Chiesa que acabou no poste,deixando co mel nos beizos a un Poio Pescamar que estivo a piques de lograr a clasificación para pelexar o seu primeiro play- off polo título. O que si se clasifica é o Alcorcón, que finaliza cuarto por detrás de Atlético Navalcarnero, Burela e Roldán.