O Poio Pescamar ficha ao adestrador do Leis, Raúl Jiménez

Poio
18 de xullo 2019

Despois da marcha de Dani Díaz, o equipo vermello decidiu apostar polo exogador do Rías Baixas e do Leis, que desenvolveu toda a súa carreira como técnico no cadro pontevedrés

Raúl Jiménez durante un partido como xogador do Leis contra o Carballiño FS Diego Torrado

O Poio Pescamar xa ten novo adestrador. Raúl Jiménez é o elixido para dirixir ao equipo vermello a próxima tempada na máxima categoría do fútbol sala feminino.

Tras a marcha de Dani Díaz, que adestrou ao equipo o curso pasado e decidiu aparcar a súa carreira profesional para centrarse nos seus estudos, a directiva que encabeza Juanjo García dedicou as últimas semanas a rastrexar o mercado ata dar co técnico axeitado. Aínda que naceu en Córdoba, a maior parte da carreira deportiva de Raúl Jimenez, tanto na cancha como nos bancos, está moi ligada a Pontevedra.

Antes de iniciarse como adestrador, formou parte do plantel do Rías Baixas de División de Honra durante tres tempadas. Tras un breve paso por Ceuta, regresou a Pontevedra para ascender a Primeira División co Leis.

No conxunto pontevedrés colgou as zapatillas e agarrou a libreta para dirixir nas últimas campañas ao equipo masculino de Segunda B, primeiro; e ao feminino de Segunda, despois.

"O club deposita moita confianza nel para unha tempada con moitas caras novas", explican desde o Poio Pescamar no mesmo comunicado no que confirman a incorporación de Carlos Santamaría, técnico madrileño que dirixiu ao Móstoles en Primeira División a tempada pasada, como segundo adestrador.