O Poio Pescamar enfróntase no debut ligueiro a un Burela cheo de internacionais

Pontevedra
13 de setembro 2019

Despois dunha profunda renovación no plantel e dunha pretemporada bastante dura, o Poio Pescamar desprázase a Lugo para enfrontarse ao Burela, que conta nas súas filas coas ex rojillas Jenny Lores e Ale de Paz

Primeiro partido da Copa Galicia entre O Fisgón e o Poio Pescamar Diego Torrado

O Poio Pescamar desprázase a Lugo esta fin de semana para enfrontarse a un Burela, cheo de internacionais, no primeiro partido de liga que se disputará o sábado 14 ás 16:15 no pabillón de Vista Alegre. 

Despois dunha profunda renovación no plantel e dunha pretemporada bastante dura, o conxunto pontevedrés está con "muchas ganas e ilusión" para afrontar este inicio de liga, explica o adestrador, Raúl Jiménez.

"No va a ser fácil", comenta Jiménez achega do partido contra o Burela, vixentes campioas da Copa da Raíña e da Supercopa de España. A pesar diso, "vamos con toda la ilusión y con ganas de sacar un resultado positivo", declara o técnico.

Para este partido, o Poio contará con Silvia Aguete e Cari García en portería, Antia Pérez, Clara, Carol, Mirian, Dani Sousa, Anna Escribano, Andrea Feijoo, Ana Rivera, Irene García e a canteirá Andrea Alvite, que substitúe a Iria Saeta que causa baixa por un edema nun pé.

Pola súa banda, o cadro laranxa conta con dúas vellas coñecidas e excapitanas do equipo de Pontevedra, Jenny Lores e Ale de Paz.

"Es bonito enfrentarte a caras conocidas", comentou Jenny con respecto ao partido contra o seu ex equipo.

A xogadora de Pontevedra está moi contenta no seu equipo actual e adaptada ao sistema de xogo. É por iso, que aínda que teña que enfrontarse ás súas amigas, afronta o encontro como algo positivo do que espera conseguir os tres primeiros puntos dunha tempada diferente despois de tantos anos no Poio.