O Poio Pescamar enfrontarase ao Fisgón na primeira rolda da Copa da Raíña

Marín
24 de setembro 2019

A eliminatoria, fixada para o 6 de decembro, disputarase a partido único na cancha do equipo marinense e o gañador clasificarase para a rolda de oitavos de final

Primeiro partido da Copa Galicia entre O Fisgón e o Poio Pescamar Diego Torrado

O Poio Pescamar xa coñece ao seu primeiro rival da renovada Copa da Raíña, que este ano cambia o seu formato e agrupa a todos os equipos da primeira e segunda división do fútbol sala feminino. O conxunto que dirixe Raúl Jiménez enfrontarase o próximo 6 de decembro ao Fisgón na súa cancha de Marín.

A competición celebrou este luns o seu primeiro sorteo. Despois destas eliminatorias, que se disputarán a partido único na sede do equipo de menor categoría, pasarán á rolda de oitavos de final, na que xa está o Leganés ao que a fortuna lle sorriu no sorteo ao non adxudicarlle rival. 

A seguinte rolda disputarase o 4 de xaneiro, os cuartos, o 8 e 9 de febreiro; e a final, en formato Final Four, a fin de semana do 9 e 10 de maio.