O Poio Pescamar defende o seu posto no final a catro diante do Penya Espluques

Marín
20 de maio 2022

O equipo vermello recibe este sábado ás 17 horas ao antepenúltimo clasificado, mentres que o Marín FS viaxa a Canarias para medirse unha hora máis tarde ao Atlético Torcal, penúltimo

Partido entre Poio Pescamar e Torreblanca na Seca

A dobre vitoria da pasada semana do Poio Pescamar sobre o Ourense Envialia serviu para dar aire e confianza ao equipo vermello na recta final de liga na que lles tocará defender con uñas e dentes o último posto que dá dereito a xogar a final a catro polo título.

Co Melilla, Móstoles e Alcorcón en modo persecución, as de Manu Cossío teñen unha escasa marxe de erro para conseguir o obxectivo a falta de catro partidos para o final de liga.

O deste sábado, ás 17 horas na Seca, é, a priori, un deses duelos nos que non está permitido fallar. As conserveiras reciben a visita do Penya Esplugues, metido de cheo na carreira pola permanencia. As visitantes son antepenúltimas con 17 puntos e a 4 da permanencia que marca o Sala Zaragoza, polo que unha derrota en Poio pode supoñerlles o descenso virtual a Segunda RFEF.

Nunha tesitura similar atópase o Atlétitco Torcal, rival esta fin de semana do Marín FS ao que reciben este sábado ás 18.30 horas. As de Raúl Jiménez xa teñen conseguido hai semanas o obxectivo da permanencia e, acomodadas na zona media da táboa, un triunfo no arquipélago canario pode supoñer a estocada definitiva para as locais, penúltimas a cinco puntos da salvación.