O Poio Pescamar cumpre en Murcia e avanza a oitavos de final de Copa (0-3)

Poio
12 de outubro 2023

O conxunto conserveiro superou con solvencia este xoves a La Algaida FS, equipo murciano da Segunda División, e estará no bombo dos oitavos de final da Copa da Raíña

O plantel do Poio Pescamar celebra o triunfo na Copa fronte a La Algadia FS Poio Pescamar FS

A fase final da Copa da Raíña está xa a só un paso para o Poio Pescamar, despois de superar con nota este xoves a súa eliminatoria de 1/16 de final.

Nin as baixas (non viaxaron a recentemente chegada Saki nin as lesionadas Marta e Anna Escribano) nin o longo desprazamento ata a Rexión de Murcia foron impedimento para o cadro conserveiro, que superou con solvencia a trampa que supoñía enfrontarse a La Algadia FS, segundo clasificado no seu grupo da Segunda División.

As vermellas fixeron valer a súa superior categoría para dominar o encontro desde o inicio, aínda que tardaron 12 minutos en superar a resistencia local para facer o 0-1, por medio de Laura Uña.

Pelé ampliaba a vantaxe no minuto 15, chegándose ao descanso co partido como quería o Poio.

Na segunda metade o equipo adestrado por Luis López-Tulla controlou con acerto a situación ata que no minuto 35 de novo Laura Uña vía porta logrando o definitivo 0-3. O soño copeiro segue vivo para o Poio Pescamar.