O Peixe recupérase na segunda parte e gaña ao Basket Azuqueca en Guadalajara (75-81)

Pontevedra
05 de maio 2019

Os pontevedreses chegan á derradeira xornada da tempada sen a posibilidade de ascender, polo menos este ano, a LEB Oro pero cunha vitoria máis ás súas costas

Partido entre o Peixe Galego e o Azuqueca na Raña Diego Torrado

O  Peixe chega á última xornada de tempada cunha vitoria máis no peto. Despois do axustadísimo triunfo da pasada semana ante o Real Murcia Baloncesto, os pontevedreses viaxaron a Guadalajara para medirse ao pechacancelas da táboa nos play-off, o Basket Azuqueca. E non lles foi nada mal no Municipal La Paz. Os locais sumaron, así, a súa quinta derrota consecutiva, ancorándose aínda máis á parte baixa da clasificación.

A igualdade reinou durante a primeira metade do choque. Ambos os equipos foron adiantándose consecutivamente no marcador, sen chegar a distanciarse o suficiente como para inclinar a balanza cara a un dos dous bandos. A pesar diso, durante o segundo cuarto, o cadro local conseguiu gañar en efectividade de cara a canastra, algo que penalizou ao Peixe. Así, antes do tempo de descanso, os manchegos xa contaban cunha vantaxe de catro puntos (47-43), que, aínda que pequena, servía de toque de atención aos galegos e obrigábaos a cambiar a dinámica tras a continuación.

E así foi. Tras o paso polos vestiarios, apoiados esta vez, sobre todo, en Orellano (17 puntos) e Gregory (15), lograron dar un xiro de 180 graos. Afortunados roubos de balón, rápidos contraataques e un maior acerto anotador por parte dos pontevedreses durante o terceiro cuarto permitíanlles poñerse por diante no electrónico antes do último período (57-66). Nos dez minutos finais do encontro os locais apertaron, deixando claro que non lles deixarían a vitoria en bandexa. Isto, sumado a varios erros na defensa dos de Javi Llorente, permitía aos de Guadalajara recortar distancias, pero non o suficiente como para superar aos seus rivais. Finalmente, triunfo traballado do Peixe ante un Azuqueca que non o puxo nada fácil na súa pista (75-81).

A próxima semana, no choque definitivo da tempada, os pontevedreses recibirán na Raña ao líder da categoría e favorito ao ascenso a LEB Oro, o HLA Alicante. Unha última cita moi dura para o Peixe, que tentará derrotar, de novo, aos alacantinos.

Consulta a acta do Basket Azuqueca-Peixe.