O Peixe Galego refórzase co pívot ourensán Álex Mazaira

Marín
18 de xullo 2019

O equipo marinense xa ten pechada a contratación de tres fichaxes, Carlos Noguerol, Jacobo Díaz e o propio Mazaira, para afrontar o desafío de conseguir a permanencia en LEB Oro

Álex Mazaira, nova fichaxe do Peixe Galego Joaquim Alberch / FEB

Fichaxe de altura para o Peixe Galego, que segue dando pasos na confección do seu persoal para a tempada do seu regreso a LEB Ouro. A contratación do pivot ourensán Álex Mazaira e a volta de Carlos Noguerol confirman a aposta do cadro da Raña polo talento galego para loitar pola permanencia nunha categoría na que todos os seus rivais superan con amplitude o seu orzamento.

Cos seus 206 centímetros de altura, Mazairas achegará poderío físico baixo os aros para a captura de rebotes. Pero este pivot formado na base do Don Bosco e recrutado polo Barcelona en idade cadete, ofrece moito máis que unha poderosa envergadura.

Na última tempada foi un dos mellores xogadores do Zornotza, onde xogou cedido polo Manresa, promediando 9 puntos por partido e cun acerto do 48 % en lanzamentos de dous puntos e un 33 % en triplos.

Antes de abandonar o Barça, co que disputou dúas tempadas no filial de LEB Oro, Mazairas defendeu en varias ocasións a camiseta das categorías inferiores da Selección Española, cun cuarto posto no mundial sub-17 disputado en Dubai no 2014. 

A dirección deportiva do Peixe ve no xogador ourensán un xogador cun futuro moi prometedor. Ten 22 anos e do seu crecemento na cancha dependerán moitas das opcións do equipo para conseguir outro milagre, o da permanencia.