O Peixe Galego refórzase co escolta Randy Onwuasor

Marín
31 de xaneiro 2019

O club marinense confirmou este xoves a incorporación do xogador norteamericano, procedente do Zornotza do País Vasco, nun esforzo para reforzar ao equipo na fase decisiva da tempada

Randy Onwuasor nun partido cos Tigers LSU Tigers LSU

Reforzo "de luxo". Así cualifica o Peixe Galego a contratación que confirmou este xoves, a uns días de enfrontarse a un rival directo como o Igualatorio Cantabria.

O xogador en cuestión é Randy Onwuasor, escolta norteamericano que estaba a defender esta tempada a camiseta doutro rival na Liga LEB Prata, o Zornotza vasco, pero acababa de quedar libre.

O club marinense realizou un esforzo para reforzar as aspiracións do equipo na parte decisiva da  tempada, na que se decidirá se pelexa polo ascenso ou por salvar a categoría.

Onwuasor, xogador de 1,91 metros de altura, caracterízase polo seu tiro exterior e polas accións dun contra un. Esta campaña alcanzou 15 puntos e 3 rebotes por partido no Zornotza.

A de Marín será a súa segunda experiencia europea tras completar a súa formación na liga universitaria estadounidense (NCAA) en equipos como o Texas  Tech, Southern Utah e o Tigers LSU.